Eric Hobsbawm |
"Pero se miramos ao mundo de 1970 non caeremos na tentación de subestimar a forza histórica da ideoloxía socialista revolucionaria e da comunista, nacidas da reacción en contra da doble revolución, (Rev. Francesa e Industrial) e que cara 1848 atopou a súa primeira formulación clásica"
Estas primeiras liñas autógrafas e presentes na introducción ao primeiro volume da súa obra: Las revoluciones burguesas transmiten un retrato ideolóxico e metodolóxico de Eric Hobsbawm: é un "historiador marxista" de conviccións e de método. Esa honestidade diáfana e sen resentimento e tamén a súa capacidade de síntese histórica permitíronlle ser admirado e valorado tanto pola esquerda coma pola dereita políticas.
Víu a luz en Alexandría (Exipto) en 1917. Pasou a súa adolescencia en Viena e Berlín despois da morte dos seus pais, momento no que foi adoptado polos seus tíos. En 1933 trasládanse a vivir a Londres, onde transcorre a formación universitaria do xove Hobsbawm no King`s College de Cambridge, no que se doutorou. Participou na Segunda Guerra Mundial no Corpo de Enxeneiros do Royal Army e casou dúas veces deixando tres fillos.
Un dos aspectos máis importantes do seu traballo de historiador é o profundo coñecemento e abondosa documentación sobre a historia dos séculos XIX e XX. Feito que lle leva a soster que cada home ou muller é fillo do seu propio tempo, e que é tanto como recoñecer o enorme papel que xoga a "empatía" no proceso da investigación histórica.
Formou parte do grupo de historiadores marxistas británicos, que na década de 1950 tiveron un gran protagonismo dentro do mundo da interpretación e transmisión da historia contemporánea: "Ao situarse nunha tradición de estudios empíricos, tanto Eric Hobsbawm, coma Edward Tompson, Christopher Hill ou Rodney Hilton, continuaron cos seus traballos a historiografía radical británica, para a que reivindicaban unha orixe no mesmo Karl Marx, co seu estudio de "O capital", ou de Frederich Engels con "A situación da crase obreira en Inglaterra"..." O parágrafo entre comiñas pertence a Santos Juliá no seu artigo de El País do 2 de outubro de 2012
Das súas obras máis salientables cabe citar: La era del capitalismo. (1975), Las revoluciones burguesas. (1974), Historia del siglo XX. (1994), entre as máis de vinte obras que publicou ao longo da súa vida.
Eric Hobsbawm morreu o día 1 de outubro pasado en Londres á idade de 95 anos. Vaia para el esta pequena lembranza en recoñecemento ás súas aportacións á Historia Contemporánea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario