mércores, 1 de agosto de 2012

Historia do eucalipto en Galicia.

Frei Rosendo Salvado Rotea
Rosendo Salvado Rotea nace en Tui (Pontevedra) o 2 de marzo de 1814 e falece en Roma o 29 de decembro de 1900. Realiza estudios no Seminario de Tui e máis tarde continúa estudiando no mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago. Despois de rematar a súa formación sacerdotal marcha ao mosteiro bieito de A Cava en Nápoles, onde se ordea sacerdote en 1839. Máis tarde emprende unha laboura misioneira en Australia Occidental, onde funda a abadía de Nova Nursia, hoxe convertida nunha importante cidade, e en 1849 é nomeado bispo de Porto Victoria. Como bó botánico que é interesase moito polas novas especies vexetais que se lle presentan en Oceanía, das que lle chama a atención o eucalipto (Eucaliptus Globulus) ou eucalipto azul, especie máis extendida en Australia e a máis abundante na Galicia actual de entre as perto de setecentas que existen. O estudio do eucalipto convenceuno de que podería adaptarse as condicións naturais de Galicia e con motivo da súa viaxe a Roma para a súa consagración como bispo aproveita para visitar a súa vila natal, á que trae as sementes da árbore, sementándoas na súa finca e repartíndoas entre ás súas amizades e viciños.
Outras versións sobre as orixes desta árbore en Galicia sitúana como procedente do norte de Portugal, polo que a súa introducción non é de todo clara. Pero podemos afirmar que a data de introducción: mediados do século XIX, podería ser válida tanto para o protagonismo de Frei Rosendo coma das orixes lusitanas.
Eucalipto á dereita no pazo da Merced. Neda.
Nos primeiros tempos de vida en galicia usouse básicamante como árbore ornamental nos xardíns dos pazos, nas hortas e airas das "casas grandes" e rectorais e nas "alamedas" das vilas, sobresaíndo co seu porte por riba das especies autóctonas e tamén das importadas polos indianos, hai que ter en conta que dende finais do século XVIII e durante o XIX a chegada de especies alóctonas á Europa e, en xeral, á Galicia, en particular, é abondosa.
Os máis importantes promotores do cultivo do eucalipto en Galicia despois da súa chegada procedente de Oceanía foron persoas de certo nivel cultural, social e económico. O máis decidido impulsor durante o século XIX foi D. Eugenio Montero Ríos, que na súa finca de Lourizan, perto de Pontevedra, plantou unha importante cantidade desta exótica árbore. Tamén se teñen noticias doutras plantacións durante esta época nas provincias atlánticas de Galicia. Por exemplo, a realizada polo alcalde de Ortigueira, D. Federico Maciñeira ou D. José Calvo, notario da mesma vila. Estas plantacións chegaban a milleiros de exemplares cada unha, o que quere dicir que non tiñan ao ornamento como obxectivo final, senón unha motivación claramente económica.
Producción de eucalipto en España.
A comenzos de 1943 a finca de Lourizán foi vendida polos herdeiros de Montero Ríos á Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, quen, con posterioridade, transmitíuna tamén en venda á Diputación Provincial. Finalmente, o ente provincial cedeuna ao Ministerio Nacional de Educación que a converteu en sede do Centro de Investigacións Forestais e Ambientais; nesta institución iniciase o estudio e promoción das especies forestais de crecemento rápido como o pino e, principalmente, o eucalipto.
O pulo do eucalipto en Galicia continuou a súa xeira dende finais do século XIX, pero reducido a lugares moi concretos e irregularmente repartido no espazo. É a partires de 1926 e co apóio institucional a través da Lei do Plan Xeral de Repoboación Forestal, cando o eucalipto se converte na especie estrela das repoboacións polo seu alto rendemento industrial.
Esta intensa implantación vai ser reforzada en 1941 coa promulgación do Plan Xeral de Repoboación, que de novo lle concede ao eucalipto a honra de converterse, por obra e graza do impulso académico, con orixe en Lourizan  e do político, en Madrid, na árbore máis extendida na actualidade nas provincias de A Coruña e Pontevedra.
Froito de todo o anterior, Galicia na actualidade produce o 40% da madeira de eucalipto de España, cunha distribución das súas aplicacións que vai dende o 83% destinado á producción de celulosa para pasta de papel ata serrería o 1%, pasando polo 6% para minaría e postes e outro 6% para taboeiros. Aínda que as súas aplicacións pódense extender a outros moitos sectores: por exemplo a carpintería de bateas mexiloeiras.
Para saber máis

Ningún comentario: