Fig.5. Reelaborado dende: CRIADO BOADO, CABREJAS: Obras Públicas e Patrimonio: Estudo Arqueolóxico do Corredor do Morrazo. Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Santiago, 2005.
2) Fractura Liméns-Vilariño de orientación NO-SE. 3) Fractura Cangas-Bueu de orientación N-S. 4) Fractura Sabarigo-Aguete de orientación SO-NE. 5) Fractura Moaña-Marín de orientación N-S. 6) Fractura O Pereiro-Aguete de orientación E-O. 7) Depresión Meridiana percorre o corredor Carballo-Tui e ten unha orientación N-S. (Fig. 5)
Finalmente as dúas grandes fracturas que acollerían a Ría de Pontevedra, polo norte e a Ría de Vigo, polo sur, cerrarían o espazo definitivo da Península do Morrazo tal e como o coñecemos hoxe. Estas fallas tardohercinianas presentan unha orientación SO-NE que comparten todas as que configuran as Rías Baixas. O modelado definitivo da península veu determinado por un clima de tipo tropical-húmido: altas temperaturas e abondosas precipitacións; situación que propicia unha densa coberteira vexetal que, á súa vez, facilita unha rápida meteorización dos materiais, cúios sedimentos se depositarían nas zonas baixas, formando abanos de glacis principalmente na franxa costeira. En resumo, a apariencia da zona sería a dun conxunto xeomorfolóxico no que predominaría as áreas chas, con pequenas e suaves ondulacións como testemuñas da acción da erosión diferencial. As fracturas e fragmentación dos materiais xeolóxicos nas zonas de fallas favoreceron, xunto cos axentes externos: chuvia, vento... etc, a formación de pequenos vales con cauces de auga de reducido porte e pequeno caudal hídrico.
Paralelamente no tempo dáse a formación das dúas rías: a de Pontevedra e a de Vigo. En ambos casos as súas orixes hai buscala nunha causa tectónica, é dicir pola deformación das estructuras xeolóxicas que conforman a codia terrestre. Partindo desta idea, as rías que bordean o Morrazo ocupan o espazo de dúas fracturas tardohercinianas de orientación SO-NE. e os seus perfís foron modelados definitivamente polos ríos Lérez, no caso da de Pontevedra e polos do sistema Verdug-Oitavén, na de Vigo, axudados pola acción externa das augas superficiais de arroiada, que suvizarían as ladeiras e depositarían sedimentos nos fondos mariños.
- No Cenozóico (Aproximadamente entre 65 millóns de anos e a actualidade) pasamos da calma xeolóxica do Mesozóico ao paroxismo terciario producido pola oroxenia Alpina. A placa Ibérica únese de novo á placa Eurásica, empurrada pola deriva cara o norte da placa Africana e que a obriga a chocar violentamente coa placa Euroasiática. O Morrazo non vai ser alleo a esta convulsión, que ante o impacto reactiva as antigas fallas tardohercinianas e orixina unha série de movementos epiroxénicos, ou movementos verticais das placas tectónicas de xeito moi lento e de subsidencia ou levantamento. Está dinámica xera un rexuvenecemento do releve, que pasa de ser unha zona de suaves ondulacións a outra de importantes contrastes de altitude na que os accidentes xeomorfolóxicos se agrandan axudados pola abundancia de fracturas dos materiais xeolóxicos e pola incidencia dos factores externos que acentuarían a pendente das ladeiras despois de depositar os arrastres nas zonas baixas.
Xa no Cuaternario: 2,6 millóns de anos BP, prodúcese un arrefriamento xeral do clima a nivel global que da lugar ás glaciacións, que se intercalan con espazos temporais nos que as temperaturas son máis suaves e reciben o nome de interglaciacións. Referíndonos ao Morrazo debemos dicir que os períodos glaciares non teñen incidencia, xa que quedan sustituídos por períodos pluviais e interpluviais. Parece demostrado que o xeo tivo e ten pouca actividade no espazo que nos ocupa. Pero as glaciacións globais sí tiveron unha grande influencia nas oscilacións eustáticas do nivel das augas mariñas; feito que explicaría parcialmente a configuración xeomorfolóxica das rías: os movementos de transgresión e regresión mariñas. A regresión provocaría un descenso do nivel de base dos cursos fluviais que, á súa vez, propicia que o río excave vales profundos que, posteriormente, serán invadidos polas augas mariñas mediante o movemento de transgresión. Fórmanse, deste xeito, as rías tal e como as percibimos na actualidade.
Vidal Romaní afirma que nalgunhas épocas, en concreto durante a glaciación Wurm, o nivel do mar pudo descender 120 m. con respecto ao nivel actual. Outros autores secundan esta idea máis recentemente: García-Moreiras ou Martínez-Carreño estudian as variacións de nivel do mar nas rías mediante as análises polínicas e de microfósiles, con resultados semellantes aos de Vidal Romaní para as oscilacións de nivel das augas mariñas.
Se temos en conta estas propostas debemos asumir que en determinadas épocas do Pleistoceno a liña de costa retrocería ata 30 kms. mar adentro, o que suporí que o Morrazo estaría unido ás Illas Cíes e á de Ons, que as rías de Vigo e Pontevedra desaparecerían convertidas en profundos vales fluviais polos que circularían o Verdugo e o Lérez, respectivamente, como únicos atrancos que dificultarían a comunicación terrestre entre Vigo e Cangas ou Bueu e San Xenxo. (Fig. 6)
4. Litoloxía e características estructurais do rochedo.
A composición e as características estructurais do rochedo sempre determinan a modelaxe do releve e condicionan, a carón doutros aspectos, o tipo de vexetación e, consecuentemente a variedade de paisaxes nos espazos xeográficos. Daquí a importancia da súa análise.
O espazo xeográfico do Morrazo queda integrado, segundo a clasificación tradicional da P. Iberica e as illas Baleares, dentro do dominio litolóxico da Iberia Silícea. Está zona ocupa o ámbeto de expansión do xa coñecido Macizo Ibérico ou Macizo Hespérico; é dicir, correspóndese cos materiais e releves máis antigos da Península Ibérica; como xa vimos, emerxidos no Paleozóico. Está formado por rochas dura, cristalinas, resistentes e ríxidas, que fronte ás presións non se pregan senon que se fracturan en fallas e diaclasas formando bloques. Os tipos de rochas predominantes no dominio son: lousas,cuarcitas, granitos e gneis.
O Morrazo encádrase neste dominio pero cunhas particularidades que intentaremos resumir a continuación. Os seus materiais forman parte de dous dominios básicos con características específicas, que lle dan unha personalidade colectiva ás Rías Baixas dende o punto de vista petrolóxico:
1. Unidade ou Dominio do ComplexoVigo-Pontevedra-Noia, tamén chamado Fosa Blastomilonítica Polimetamórfica ou Complexo Antigo. Exparéxese pola parte oriental do Morrazo entre o escarpe oeste da Depresión Meridiana e unha liña que discorrería entre Punta Rodeira (Cangas) e Punta Salgueiro (Bueu). Cartográficamente preséntase en orientación N-S dende Malpica ata Tui. Esta franxa así delimitada está constituída polos restos dun acabalgamento herciniano que conten xistos, gneis, anfibolitas e ecloxitas. Todos eles materiais metamórficos, probablemente de orixe precámbrica, é dicir, de fai 4.500 millóns de anos.
2. Unidade do Complexo Migmatítico e das rochas graníticas. Abrangue dende os límites occidentais do Complexo Vigo-Pontevedra-Noia ata as Illas Cíes incluídas: esta é a zona occidental do Morrazo. O mesmo que o complexo anterior presenta unha orientación N-S. As súas orixes parecen proceder dunha antiga formación sedimentaria, tamén Precámbrica, que posteriormente foi sometida a un proceso de tectonización. Os materiais líticos que a configuran son: granitos, gneis e xistos. Todos eles materiais metamórficos. Dentro desta unidade tamén deberemos citar o Complexo Cabo Home-A Lanzada, este complexo maniféstase a través de afloracións discontínuas e exporádicas a ámbolos dous lados do Complexo Migmátitico, é un complexo de estructura sedimentaria formada por xistos e micaxistos facilmente observables ao norte da parroquia de Coiro e en Cabo Home, no concello de Cangas.
Pero o espazo morracense prantexa unhas características específicas que superan as características mostradas nestes dous dominios; por outra banda, ao tratarse dun espazo xeografíco de reducidas dimensións obríganos a unha incursión analítica na petroloxía máis profunda e detallista, cuestión que imos tentar acometer nos parágrafos seguintes. É certo que este solar peninsular participa das características xeradas polo Macizo Hespérico e, polo mesmo, disfruta da personalidade da Iberia Silícea pero, ó mesmo tempo manifesta unha riqueza lítica moi diversa, a pesares de que case todos os materiais líticos que a compoñen teñen unha orixe metamórfica. O noso pricipal obxectivo a partir daquí e localizar espacialmente as afloracións dos diferentes tipos de rochas e expor algunhas das características de cada unha. (Figura. 8)
|
(Fonte: Plan de Dotacións e infraestructuras dos montes do Morrazo. FEADER)
|
A estructura lítica podemos clasificala en sete tipos de materiais líticos, que son os mais abundantes pero non os únicos que configuran a paisaxe do rochedo:
1) Granitos de feldespato alcalino. Comparten os dous dominios xeolóxicos básicos, aínda que son máis abondosos no Complexo Antigo. En canto ás súas características principais comenzaremos dicindo que son rochas plutónicas que se compoñen de cuarzo, feldespato e mica; no caso que nos ocupa, recibe este nome cando máis do 90% de todos os feldespatos que o compoñen son de tipo alcalino. Ademais do nome expresado, recibe tamén o de "granito vermello" ou "rosa", pero no terreo pode preséntarse en cor negro, gris ou branco. No Morrazo predomina o de cor gris. É moi duro e resistente; úsase a cotío na construcción e na decoración de cociñas e baños. O seu dominio espacial abrangue a maior parte do concello de Vilaboa, igualmente unha grande porción do concello de Marín, un anaco importante da metade oriental do de Moaña, a maioría do territorio cangués e o SO. do dominio buenense. Pódese dicir que é o material que ocupa unha maior superficie do Morrazo.
2) Granodiorita con megacristais de feldespato. Como se ve no mapa da figura 8, localízase fundamentalmente na parte occidental da península, que se corresponde co Dominio Migmático e das rochas graníticas. É a segunda rocha en importancia, se atendemos á extensión da superficie ocupada; pois exténdese por case toda a área territorial de Bueu, a franxa oriental da demarcación municipal de Cangas e os escarpes da fractura Liméns-Aldán. As súas carácterísticas presentan ligazóns familiares moi estreitas co granito de feldespato alcalino: rocha plutónica; composición a base de cuarzo, feldespato e plagioclasa. Estas cualidades convértena nunha rocha de transición entre os granitos e as dioritas.
3) Granito e granodiorita biotíticos. Son rochas plutónicas que integran cuarzo, feldespato e biotita. Forman parte do Dominio do Complexo Antigo. Localízanse na Punta de Rodeira, Arnelas-Pinténs, aba oriental da Serra da Magdalena e vertente oriental dos Montes de Coiro, en Cangas; Bon, en Bueu; un sector dende Punta do Niño do Corvo ata Broullón, en Moaña. (Fig. 9)
4) Xistos, Lousas e paragneises. Os xistos e as pizarras proceden de rochas sedimentarias. Teñen unha estructura laminar. Non son moi abundantes no Morrazo. Ploa súa banda, os paragneis son rochas metamórficas parentes dos granitos: presentan coma estes, unha estructura granular e comparten minerais, aínda que os paragneis organízanos en bandas. Distribúense polos dous dominios básicos: a subpenínsula de Cabo Home dende Donón ata Punta Robaleira e Punta Subrido, en Cangas; o enclave do Alto da Portela compartido por Cangas e Bueu; Macende, Pardavila e Lourizán, no concello de Marín; Balteiro e Paradellas en Vilaboa. (Fig. 10)
5. Gneis de Biotita. Ten unha composición semellante á do granito, pero con aportación de biotita. Presenta unha alternancia entre capas claras e oscuras en función dos mineriais que o compoñen. Distribúese por Sabarigo, en Bueu; Verdeal e San Lourenzo, en Moaña; Santradán e Pousada, en Vilaboa; e O Pereiro, en Marín.
6. Gneis de ribekita. Presenta a particularidade de conter unha alta porcentaxe de ribekita: un silicato con aspecto fibroso e de cor azul. Localízase no eixo central da fractura Liméns-Aldán, o val do río Orxas, os vales do río Presas, Saíñas e Bouzós, en Cangas; no val do río Frade, en Bueu; vales do río do Inferno, río da Fraga e Barranco do Faro, en Moaña. A maior parte destes enclaves forman parte do Dominio Migmático.
7. Paragneis con plagioclasas, biotita e micaesquistos. É unha rocha na que predomina a biotita, e pode conter plagioclasas, que é un tipo de feldespato, e máis os micaesquistos, nos que predomina a mica e o cuarzo. A maior extensión dos afloramentos dáse en Aguete, Seixo, a Rúa Nova, Miñán, etc, en Marín; vales do río da Vella, rego do Buráns, rego do Portiño, en Vilaboa.
5. A paisaxe lítica.
A Península do Morrazo está integrada, como xa vimos, na provincia litolóxica da Iberia Silícea e comparte as características fundamentais das paisaxes que xeran as rochas propias do Macizo Ibérico, Macizo Hespérico ou Zócolo, que por estes tres nomes se lle pode chamar. Esta unidade lítolóxica comprende os relevos e materiais máis antigos de todo o territorio ibérico e abrangue a totalidade de Galicia, a parte occidental do Principado de Asturias, o Pirineo Axial ou eixo central da cordilleira, a cordilleira Costeira Catalana, Sistema Central, Montes de Toledo; Serra Morena, Cordilleiras Béticas, enclaves aillados no Sistema Ibérico: Picos de Urbión, Serra de Albarracín e Serranía de Cuenca. No que toca ao territorio portugués, o dominio silíceo exténdese pola zona NE dende o Miño ao Texo; polo SE dende o Texo ata a desembocadura do Guadiana. É dicir, este dominio formaría parte de arredor de dous tercios da totalidade do territorio lusitano.
Naturalmente, a nós, a pesar da gran extensión das rochas silíceas na Península Ibérica, só nos interesa o referido á Península do Morrazo; aínda que unha gran parte das súas características son compartidas e, polo mesmo, a análise, descripción e síntese serán semellantes.
O modelado silíceo, en xeral, está definido por dous tipos de meteorización: 1- Meteorización do granito e 2- Meteorización dos gneis e xistos. 1- Meteorización do granito:
a) Mecánica ou física - Causada pola xelifracción: rotura da rocha pola acción do xeo sobre as diaclasas; fenómeno que se produce cando a auga acumulada nas gretas ou fracturas se conxela por mor das xeadas ou baixas temperaturas; a auga, ao conxelarse, aumenta o seu volume e racha a rocha. Esta situación ten lugar en zonas de altitude montañosa.
b) Química - Ten lugar cando a acción da auga se filtra polas diclasas producindo a alteración incompleta do feldespato e a mica; a continuación prodúcese a erosión e o arrastre dos materiais soltos cara a base dos bloques do granito, onde se forman as chamadas "terras pardoamarelentas" ou areización. Este tipo de meteorización xérase en zonas de altitudes inferiores.
A acción dos distintos tipos de meteorización sobre as rochas crea, de xeito xeral, unha paisaxe semellante á da figura 12.
Nas zonas de altitude reducida e con predominio de temperaturas suaves (caso do Morrazo), a meteorización granítica depende da orientación das diaclasas na rocha: Se as diclasas son paralelas á superficie dan lugar á "descamación" do granito, que fai que a rocha dura se disgregue pouco a pouco; resultando un releve ondulado, de formas redondeadas; onde aparecen con frecuencia os "domos". Quizais o máis representativo da península que nos ocupa sexa o do Monte Paralaia, (Fig. 13) ; ubicado no concello de Moaña, presenta un diclasado paralelo á superficie e curvado para adaptarse á estructura semicupuliforme do domo, condición que dá como resultado unha degradación en lanchas tamén curvadas (Domo de Exfoliación) que escorregan polas ladeiras, se fracturan e acumulan na base formando os coñecidos "Caos de bólas".
|
Fig. 13. Domo no Monte Paralaia. Concello de Moaña (Fonte: elaboración propia)
Cando o resultado da erosión xera formas redondeadas que non se achegan a un perfil cupular, senon que as súas curvas son máis abertas e suaves, que sobresaen lixeiramente no horizonte do terreo, estamos diante dun Lombo de Balea; como ocurre no existente na práia de Menduiña, en Aldán, Cangas. (Fig. 14)
Fig.14. Lombo de balea con escamacións na práia de Menduiña, en Aldán, Cangas. (Fonte: elab. propia)
Se a alteración se produce a partir de diaclasas perpendiculares á superficie e por efectos da alteración diferencial en profundidade do granito baixo a acción da auga de chuvia, provoca a formación de "bólos" ou "bólas", que quedan apiladas unhas sobre outras formando distintas composicións líticas como: - Caos granítico (Fig. 15): Cando as bolas graníticas se distribúen, segundo os caprichos da inercia, polas abas ou ao pé da montaña ou dunha pendente.
Fig. 15. Caos granítico na Zona Especial de Conservación (ZEC) de Cabo Udra, C. de Bueu. (Fonte: elab. propia)
- Tor (Fig. 16): É un amoreamento de rochas que, en conxunto, se asemellan a un castelo.
Fig. 16. Tor na Zona Especial de Conservación (ZEC) de Cabo Udra, C. de Bueu. (Fonte: elab. propia)
- Rocha cabaleira (Fig. 17): Son bólos ou bloques graníticos de diferentes volumes que se apóian no chán ou sobre outras rochas por unha superficie menor, condición que lles aporta unha grande sensación de inestabilidade. No exemplo da imaxe achegada podemos notar os efectos da erosión en "taffoni", ou "cacholas" en galego, que forma alvéolos excavados no interior da rocha en sentido contrario á gravidade. Nalgúns casos esta acción erosiva confírelle á rocha formas fantásticas, achegándose ao antropomorfismo ou zoomorfismo, como acontece na imaxe seguinte, na que unha forma úrsida se despraza polo chan buscando alimento.
Fig. 17. Pedra cabaleira e mostra de taffoni en Lagos, Parróquia de Beluso, Concello de Bueu. (Fonte: elab. propia)
Cando se produce a meteorización química, fenómeno polo que a rocha se descompón debido á oxidación e hidrolización dos feldespatos, potenciada pola acción da auga interactuando coa acidez e sales minerais do terreo, xéranse as chamadas "Áreas pardoamarelentas": sectores do terreo formados por unha textura areosa procedente da meteorización da rocha subxacente (Fig. 18)
Fig. 18. Área pardoamarelenta nunha trincheira da estrada PO-315 entre San Amaro, parroquia de Aldán, C. de Cangas, e o Rego Nosedo, parroquia de Beluso, C. de Bueu. (Fonte: elaboración propia)
2- Meteorización dos gneis e xistos:
As lousas e os xistos meteorízanse máis facilmente que os granitos e os gneis, pois os seus materiais son pouco resistentes e, debido á súa estructura, descompóñense en láminas (erosión laminar). Os gneis son máis resistentes que os anteriores, aínda que en zonas costeiras do Morrazo como Cabo Home, concretamente no Complexo Cabo Home-A Lanzada a acción eólica e mariña deixa intensas pegadas nos materiais líticos baixo diferentes formas: furnas, arcos ou cristas (Fig. 19)
Mostra de erosión laminar formando cristas no borde costeiro entre Punta Robaleira e Cabo Home sobre gneises e micaxistos de datación preherciniana. Os planos laminares dos materiais son case verticais e de orientación norte; características que se poden observar na figura 20.
Fig.20. Cantís gnéisicos entre Punta Robaleira e Cabo Home, Zona Especial de Protección dentro da Rede Natura 2000, en Donón, O Hío, Concello de Cangas. (Fonte: elaboración propia)
6. A xeomorfoloxía. a) Aspectos xerais: Como xa deixamos adiviñar en pasaxes anteriores deste texto, a península do Morrazo constitúese nun horst, que se atopa integrado nunha unidade xeomorfolóxica de categoría superior, constituída pola estructura xermánica que reflicte o conxunto das Rías Baixas galegas. Esta estructura é propia da tectónica de fractura frecuente nos macizos antigos como o Galaico-Leonés. Defínese este concepto como unha sucesión de bloques alternativamente afundidos: grabën, ou elevados: horts. Ésta dinámica de elevación-afundimento pode estar xerada por forzas téctónicas laterais que actúan sobre os bloques e poden ser de "expansión": tenden á separación; ou de "compresión": tenden á presión; pero indiferentemente o resultado sempre é o mesmo: un estilo tectónico en "teclas de piano" ou estructura xermánica. No caso que nos ocupa, os bloques levantados provocan as penínsulas e os afundidos acollen as rías. A figura 21 móstranos a imaxe dunha estructura xermánica clásica, uniforme, sin alteracións.
Figura 21. Esquema non alterado dunha estructura xermánica aplicado ao Morrazo (Fonte: Elab. propia)
Pero a estructura xermánica que xera a ría de Pontevedra, a Península do Morrazo e máis a ría de Vigo dista na realidade de ser un conxunto de bloques que garde as formas vertícais e simétricas que nos amosa a fig. 21; pola contra, preséntanos o horst levantado da península basculado no sentido NO-SE, deixándose caer sobre o grabën da ría de Vigo. A consecuencia fundamental desta alteración tectónica é a visible disimetría clinométrica da península, que nos mostra pendentes máis abruptas e acentuadas na vertente da ría de Vigo; dándose as pendentes máis intensas entre o Rego da Cova, no lugar de O Rio, parroquia de A Canicouva pertencente ao Concello de Pontevedra e a Punta de Corveiro ou do Castelo, estreito de Rande e aplanándose pouco a pouco a inclinación dende a punta de Corveiro cara Occidente ata a Costa da Vela, na parroquia do Hío do Concello de Cangas, mentras que a vertente que mira á ría de Pontevedra as pendentes baixan dende os cúmios máis suaves e tendidas. Non hai datos contrastados sobre a orixe, circunstancias e datación deste movemento de basculación, pero é tentador pensar que se producira durante o proceso de rexuvenecemento do Macizo Galaico e a formación das Rías Baixas durante o Cenozóico, fai 66 millóns de anos, como consecuencia da tectónica terciaria ou Oroxenia Alpina. Como dín Zazo e Goy (1994), a maior parte dos autores apóian esta teoría. Vexamos agora no gráfico seguinte unha representación máis próxima á realidade da estructura xermánica da contorna do Morrazo. Fig. 22. Debuxo da basculación do horst da Península do Morrazo (Fonte: Elab. propia)
Continuando co aspecto xeomorfolóxico das pendentes semella pertinente relacionalas aquí coas altitudes dos diferentes espazos topográficos da contorna que estamos a analizar. Neste aspecto deixarémonos guiar por de la Peña Santos, A. e Rey García, J.M. (1993), traballo no que afirman que O Morrazo presenta "un predominio das baixas altitudes, ata o punto de que utilizando como límite a curva de nivel dos 300 m. delimitaríase unha extensión que ocuparía o 72,6% da superficie total e cunha distribución espacial paralela á costa, con pequenas penetracións cara o interior, seguindo os diminutos vales fluviais. Convén destacar que todo o sector occidental da península estaría incluído neste intérvalo. As altitudes medias, definidas pola franxa comprendida dos 300 e os 500 m., comprenden o 23% do total do territorio, manteñen unha localización interior, na que se acollen as penichairas sobre as que se sitúan os coñecidos chans". Entre elas destacarían: as Chans de Ermelo, a 350 m. de altitude, no concello de Bueu; Chans de Cela, a 350 m. ou Chans de Botas, á mesma altitude e no mesmo concello de Bueu; Chans de Grixó e Chans da Paradela, a 350 m. e no Concello de Moaña. No segundo nivel de aplanamento habería que situar Chan da Arquiña, a 591 m. e no concello de Moaña; Chan de Xestoso, á 600 m., Chan de Goa, a 500 m., no concello de Vilaboa. (Figura 23)
Noutro orde de cousas debemos dicir primeiramente que o releve morracense está directamente condicionado pola existencia de numerosas fallas e fracturas, que dan lugar a un releve compartimentado e dividido en sectores ou áreas superficiais diferenciadas; en segundo lugar, esta profusión de fendas condiciona a orientación da península que analizamos, pero tamén de todas as rías e penínsulas da costa atlántica de Galicia e da rede hidrográfica da Península Ibérica. Estas fracturas oriéntanse en todas as direccións
pero no borde litoral predominan as de orientación SW-NE
(40º-80º), ou SSW-NNE (200º-35º), que obrigan á Península e ás
rías que a bañan nesa dirección; é dicir, Orientación SW-NE. A
orixe desta fragmentación xeomorfolóxica hai que buscala
na Oroxenia Varisca ou Herciniana, da
que xa falamos anteriormente. Este paroxismo xeolóxico producíuse
entre os 380 e os 280 m. de anos, e actúa sobre os
antigos batolitos graníticos do Macizo Galáico
durante o proceso de colisión de dous supercontinentes: Por unha
banda, Laurasia (Actuais América do Norte e Europa)
e, pola outra, Gondwana (Actuais Africa, América do
Sur, Oceanía e a Antártida) Iberia, a actual P. Ibérica, era un
microcontinente de nome Armórica entre os dous
xigantes anteriores, que, ao producirse o impacto, quedou aprisionado
e a súa compresión xerou a existencia destas
fracturas e a súa orientación. O que explicaría a orientación
cardinal e a organización da estructura xeomorfolóxica da Península
do Morrazo. (Fig. 24) O espazo que nos ocupa preséntasenos
tamén como un bloque macizo perilitoral conformado por unha
antiga superficie de aplanamento ou erosión, na que
Pérez Alberti, A. (1984:105); diferenciando dous niveis de
aplanamento; opinión que comparte con Henri Noom (1965); o máis baixo, con altitudes arredor dos 400 m. e outro máis alto, do que só se conservan pequenos "outeiros" con altitudes que nalgúns casos acadan ou superan os 600 m. As maiores elevacións atopámolas na divisoria centro-lonxitudinal, a xeito dun continuum de accidentes montañosos con zonas altas que, ás veces, sobrepasan os 600 m., entre as que se intercalan outras máis baixas (Gómez Nistal, 2001). Esta superficie de erosión foi fracturada e rexuvenecida polos movementos tectónicos terciarios, e a fracturación da como resultado un releve relativamente contrastado e de formas redondeadas e suaves, procedentes da posterior acción erosiva. As fractura son invadidas polos pequenos cursos fluviais para buscar a máis doada saída ao mar. Outra característica a destacar do releve deste espazo é o desigual reparto das altitudes tanto no sentido lonxitudinal coma no transversal. Veremos con maior claridade estas realidades observando as figuras 25 e 26.
Se nos centramos na figura 25, observaremos que lonxitudinalmente o releve da península descende suavemente en altitude dende o Monte Xaxán cara occidente. Concretamente dende a superficie de Lagocheiras ata o Monte Paralaia a penas se acadan os 400 m. de altitude e a partir da Cruz de Hermelo o descenso é xa definitivo ata a Costa da Vela. Feito que nos permite concluír que as altitudes inferiores aos 400 m ocupan arredor do 95% do espazo lonxitudinal, que a caída das altitudes é moito máis rápida cara oriente e que finalmente, nos atopamos en lonxitude cunha disimetría topográfica clara á favor da parte occidental.
Vexamos agora o perfil transversal: observamos, en primeiro lugar, que as altitudes superiores aos 500 m branguen aquí unha extensión lixeiramente superior: aprox. un 20%; outro 20% as situadas arredor de 400 m. e o 60% do territorio restante non supera estes valores. De novo se aprecia unha disimetría topográfica das altitudes: descenso en suave escalonamento cara o norte do Coto Home vía Ría de Pontevedra e máis brusco cara o sur camiño da Ría de Vigo. No referente á xerarquía de altitudes debemos incluír un apartado específico para aquelas que non acadan moita elevación, pero que poden ser importantes dende o punto de vista dos elementos morfolóxicos que se poden xerár no seu ámbeto. Na península do Morrazo o espazo por elas ocupado é moi extenso; xa dixemos antes que as curvas de nivel entre 0-300 abranguían o 72,6% da superficie total. Esta superfie, lóxicamente, sigue unha franxa paralela á costa, con algunhas penetracións cara o interior acompañando aos cauces da diminuta rede hidrogáfica. Neste espazo delimitado desenvólvense algúns elementos propios do releve aos que debemos prestar atención; referímonos aos glacis: María Xesús Suárez Iglesias (1990) define así este concepto: Forma do relevo que se caracteriza por amosar unha topografía de pendente lonxitudinal (media entre 1 e 5%) constante ou lixeiramente cóncava. A súa xénese require unha desnivelación morfotopográfica ó pé da que se forma o glacis, e procesos de arroiada difusa ou en manto, precipitacións irregulares e esporádicas pero de forte intensidade... Engadiriamos que escaseza de vexetación e a presencia de materiais blandos tamén contribúen á súa creación. Semella que moitas das condicións que se esixen non están presentes no Morrazo. Aínda así, algúns especialistas detectan estas formacións no espazo que nos ocupa. Lanchas Carrasco, S. (1974) localiza glacis-ladeira entre Domaio e a práia de Pousada (Vilaboa). (Figura 27)
Rodriguez Ferreiro, H. (1982) móstranos glacis que describe do seguinte xeito: A (vertente) que da á enseada de San Simón é flanco oriental do Monte Faro de Domaio e neste punto a ría desenvolve a costa do "glacis-vertente" (Sigue a clasificación de F. Joly para os glacis) que forman o lado L de Domaio e o SE do Monte Castiñeira. Os glacis de erosión, tipo aos que corresponden os glacis de vertente, adoitan formarse sobre materiais brandos como os xistos metamórficos. Rodríguez Ferreiro identifica glacis tamén no tramo de costa que vai de Bueu poboación a Cabo Udra e no sector da vertente norte da ría de Aldán entre práia Menduiña e práia Vilariño. Pola súa banda, Pérez Alberti, A. (1993) describe diminutos glacis na parte máis occidental da ría de Pontevedra, nos arrdores da Depresión Meridiana, é dicir, por terras de Salcedo, Lourizán e Os Praceres. Souto González, X.M. tamén fala de glacis no Morrazo, pero sin estabrecer a súa localización espacial concreta. Para rematar esta cuestión, diremos que asumimos plenamente o concepto de "diminutos glacis" aportado por Pérez Alberti, pois define perfectamente o tipo de glacis que se poden formar en medios con un modelo climático húmido, unha rede hidrográfica cativa, un manto vexetal abundante, unhas precipitacións regulares e uns materiais xeolóxicos nos que predominan as rochas cristalinas e duras.
b) As unidades morfoestructurais:
|
|