A igrexa de Santa María de Darbo non se podería entender, na súa máis pura esencia, se a desligamos da súa contorna natural-paisaxística, da arquitectónica-constructiva ou da cultural-antropolóxica: está enclavada nunha estructura natural coa que manten unha profunda simbiose; os elementos artístico-constructivos que a arrodean dan lugar a un adro que favorece a vida comunal da parroquia; cando este espazo se enche de humanidade para ver a tradicional danza, a comunión entre o home e o medio e entre o pasado e o presente dos tempos, estoupa nun carrusel de cores, músicas e aplausos ancestrais. Por iso, cando se fala de Santa María de Darbo hai que referirse ao conxunto que a arrodea: a natureza, a arte e ao home.
A natureza foi dadivosa co conxunto de Darbo, que está situado na vertente oeste do pequeno Val do mesmo nome, na aba leste dos Montes de Varalonga e do outeiro de Seixo. Dende esta posición domina todo o espazo afundido, que aparece protexido do norte e do nordés polos picos Gatica e Castelo, este último lugar de asentamento do desaparecido Castelo de Darbo; polo leste pechan a depresión dúas serras: ao norte a de Nacente e cara o sur a de Poniente, coroada pola hermida de San Roque. O sur queda aberto ao mar da Ría de Vigo e por el busca fácil saída, debido á inclinación da valgada cara o mar, o Río do Postillón, que nace nos Montes de Varalonga, percorre o val de norte a sur e verte humildemente as súas augas na Enseada de Entremiños. A altitude media das terras do val ronda os 50 m. sobre o nivel do mar, que ao estar protexidas dos ventos do norte, do leste e do suroeste e orientadas cara o sur permiten a xeración dun microclima local, encadrado dentro do clima oceánico húmido con temperaturas medias de 9,7º C en xaneiro e 19,5º C en xullo complementado cunha pluviometría de 1.515 mm., moi favorable para a agricultura e para o desenvolvemento dunha exuberante vexetación. Dende unha perspectiva xeolóxica os materiais predominantes en Darbo son o granito alcalino de dúas micas e os granitos e granodioritas biotíticos, sobre eles, e dende un plantexamento edafolóxico, depositanse limos, arxilas, e gravas cuaternarios procedentes da disgregación e alteración dos granitos anteriores, que rechean a vaguada orixinal xerando solos de certa potencia e que xunto coas variables climáticas, dan lugar a vizosas veigas. A vexetación actual está moi alterada pola acción antrópica, plasmada na introdución de especies de crecemento rápido coma o eucalipto (eucalyptus globulus) ou o piñeiro (radiata e pinaster), que probablemente substituiron a pequenas formacións de perennifolias-estivifolias: carballos e rebolos nos bordes do val coa serra, e de salgueiros, vidueiros e amieiros nas ribeiras do Río do Postillón...
O Pico Garita dende a frondosidade do Val de Darbo (Cangas do Morrazo) |
A arte adquire a súa carta de identidade coa serea monumentalidade da igrexa parroquial, a presencia da arquitectónica fonte e a altivez do cruceiro que abre as portas ao espazo sacro.
A construción eclesiástica é unha mostra orixinal do barroco rural galego. Construída durante os séculos XVII e XVIII como sustituta do templo anterior, que probablemente fora románico e do que non se conserva ningún resto despois do incendio durante o cruento ataque dos turcos de 1617. O edificio actual presenta a maioría das características propias do estilo contrarreformista de Trento aínda que cunhas singularidades que a converten nun exemplo especial da época.
Igrexa de Sta. Maria de Darbo. |
A fachada presenta unhos ingredientes aparentemente máis barrocos. Está dividida en tres rúas; a central, claramente máis ancha cas laterais, acolle a portada enmarcada por pilastras adosadas de estría morta que soportan un finxido tímpano con duas volutas; enriba da portada sitúase unha escultura da Nosa Señora de Darbo flanqueada por dous vanos polilobulados e todo o conxunto coroase cun frontón semicircular rematado por unha moldura ancha, que lle da profundidade e volume, dúas caracolas laterais e unha cruz central que intensifican o sentido de ascensionalidade do corpo principal; as rúas laterais están delimitadas por dúas pilastras adosadas de fuste liso con moldura acasetonada cada unha, a altura destas é superior ás da portada e sosteñen dous campanarios cubertos por cúpulas cónicas que aportan unha maior estilización á fachada.
Os elementos decorativos a base de curvas, onduladas e quebradas xunto coas solucións arquitectónicas da fachada crean un efecto de luz e sombra e resaltan a intencionalidade ornamental; paralelamente os motivos decorativos e as pautas da súa distribución xunto á estructura do pano da fachada fálannos de reminiscencias lusitanas e indianas.
O home é o outro gran protagonista en Santa María de Darbo; e unha das manifestacións do seu protagonismo no contorno é a danza e contradanza de Darbo, que sintetiza en movemento e ritmo a simbiose entre natureza e arte.
Facerse preguntas sobre as orixes da danza de Darbo é, por unha banda, situarse nun terreo complicado e descoñecido e, pola outra, remontarse á prehistoria da humanidade, que nos recorda con multitude de representacións dancísticas na arte rupestre que esta manifestación artística xa existía nos albores da humanidade e que formaba parte dos seus rituais máxico-relixiosos. A danza mantén a súa vitalidade nas culturas exipcia, mesopotámica, oriental e clásica coas mesmas intencionalidades que na prehistoria.
Na Península Ibérica os pobos prerrománicos, segundo o que nos conta Estrabón, bailaban nas noites de plenilunio arredor do lume a un deus descoñecido. Máis tarde, coa conquista romana, estes pobos asimilarón as danzas licenciosas e frívolas latinas, pero sin esquecer nunca as indíxenas. Poderíase dicir que a influencia romana produciu a primeira regulamentación da danza na Iberia.
Un movemento da danza de Darbo. |
Ao mesmo tempo que as danzas de carácter máxico-relixioso desenvolveronse danzas de natureza guerreira e fúnebre, que se utilizaban como preparación para a batalla e como despedida final ao veciño ou ao heroe da comunidade respectivamente.
A cristianización durante o Baixo Imperio contribuíu ao enriquecemento do acervo cutural da danza coa introdución de variantes novas de bailes, pero ao non ser quen os sacerdotes de suprimir as indíxenas permitiron a súa introducción nos templos. Por iso, xa no século VIII ou Alta Idade Media, San Basilio, percibindo a importancia que adquirira a danza nas comunidades sociais, louba a interrelación danza-relixión e admítea como parte das liturxias sagradas.
Na baixa Idade Media constátase unha enorme influencia árabe en case todas as danzas tradicionais da Península. Tanto é así que moitos autores afirman que todas as danzas de cintas ou cordóns teñen esta procedencia, que se mantén durante os séculos XVII e XVIII en todo o territorio peninsular. Desta época proceden as danzas cortesanas, que se bailaban nos castelos, pazos e casas señoriais da nobreza e fidalguía galegas e que o pobo llano trataba de imitar ou ridiculizar, segundo os casos. Estas pezas bailables reciben o nome de farsas e desenvólvense por Castela, León, Cataluña e Galicia. A súa interpretación está baseada no refinamento, na pausa, na galantería e na cerimonia, actitudes que nos recordan a vida pacega e á que non era allea a xurisdición do Morrazo na época moderna.
Estas circunstancias históricas suxiren que non sería moi atrevido imaxinar as raíces da danza de Darbo no contorno socio cultural descrito.
Estas circunstancias históricas suxiren que non sería moi atrevido imaxinar as raíces da danza de Darbo no contorno socio cultural descrito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario