sábado, 14 de maio de 2011

O releve da Península do Morrazo.

1. Presentación.
        O Morrazo como unidade xeográfica ben definida espacialmente, configura unha península clásica: forma alongada e estreita e rodeada de mar por todas partes: polo N a Ría de Pontevedra, polo L o Océano Atlántico e polo S a Ría de Vigo, menos por unha, que está soldada ao continente ou, como ocurre neste caso, a outra península de maior tamaño, por medio dun istmo que coincide cunha porción da Depresión Meridiana comprendida entre Pontevedra e Vilaboa. Administrativamente artéllase arredor das seguintes entidades políticas: suroeste do concello de Pontevedra: parroquias de Lourizán e parte da de Salcedo, concello de Vilaboa agás a parroquia de Bértola, parte da de Figueirido e o barrio de Paredes na parroquia da capital municipal, concello de Marín, concello de Moaña, concello de Bueu e concello de Cangas. Este espazo así delimitado presenta un terreo abrupto e moi fracturado cun aspecto montañoso e accidentado, sendo obxecto dunha acusada influencia marítima que condiciona prácticamante todos os aspectos da vida dos seus habitantes. Pero o feito que máis inflúe no seu carácter e que debuxa mellor as súas propiedades sociolóxicas e naturais é a súa "peninsularidade", que lle confire un alto grao diferencial con respecto ás terras da súa contorna.
               Ademais disto, debemos engadir que a Península do Morrazo forma parte do grupo das penínsulas que enmarcan as rías Suroccidentais; é dicir, a Península do Salnés, a do Barbanza e a do Morrazo. Dentro delas, a do Morrazo é a que presenta un perfil máis estilizado e unha liña de costa menos recortada.
Fonte: https://https://es.wikipedia.org/wiki/Comarca_de_El_Morrazo#/media/File:Comarca_Morrazo.png
Fig.1. Localización do Morrazo.

2. Situación e extensión.
      O ámbeto xeográfico obxecto de estudio atópase situado entre as seguintes coordenadas: Latitude Norte 42º 25' 35.93'', punto situado na desembocadura do río Gafos, en Pontevedra; e 42º 14' 46.35'' da Punta Balea en Cangas. Lonxitude Oeste 8º 38' 06.45'' localización na estrada N-550 en Salcedo, Pontevedra; e 8º 52' 21.96'' referencia do faro de Punta Robaleira, parroquia do Hío, en Cangas.
            A súa orientación é SSO-NNE, acomodándose ás orientacións das outras penínsulas e rías da fachada atlantica galega, que presentan unha disposición oblícua conforme á liña de costa e á Depresión Meridiana e que ten a súa explicación no sentido lonxitudinal das fracturas tardohercinianas. Problema este sobre o que volveremos máis adiante.
            Se aceptamos que os límites N-NE da península se delimitan polos cursos do río Gafos e do río Tomeza, que percorren a Depresión Meridiana ao seu paso por Pontevedra transversal e lonxitudinalmente  por esta orde, esquecendo, naturalmente, os límites administrativos, que son postos polo home, e polo mesmo non valen como fitos xeográficos, o resto das liñas divisorias non ofrecen dúbidas, son naturais e incontestables: as rías e o océano.
             Asumido isto, podemos dicir que os valores métricos lonxitudinais entre Cabo Home, no Hío, Cangas e o río Gafos ao seu paso pola capital provincial son de 26,92 kms. Os valores transversais varían entre os 16,58 kms. constatados entre Cabo Udra, Bueu e Punta do cabalo, Vilaboa e que reflicten a zona máis ancha da península, e os 1,90 kms. da práia de Liméns, Cangas, ao areal dos Picos, en Vilariño, Cangas; valor que representa a parte máis estreita deste espazo xeográfico.

               Dende o punto de vista da superficie O Morrazo ocupa unha extensión de 185,9 km2, feito que a converte na comarca máis pequena da provincia de Pontevedra, xa que só representa o 4,12% da superficie provincial, e na terceira con menor superficie de Galicia, despois de Muros e O Sar.

3. A formación da Península do Morrazo.
              Como preámbulo a este capítulo debemos comenzar dicindo que a configuración evolutiva do releve do Morrazo non se pode disociar, nos primeiros tempos, da evolución da Placa Ibérica nin do espazo que inicialmente foi a Cornixa Cantábrica; simplemente por que o espazo do Morrazo, tal e como o percibimos na actualidade non estaba definido dende un punto de vista xeolóxico nin xeomorfolóxico.
                Partindo da idea anterior, podemos afirmar que, en xeral, o relevo da Península Ibérica é a consecuencia tanto da situación concreta da Placa Ibérica entre a Euroasiática e a Africana, coma das oroxenias que se produciron no Paleozoico e no Cenozoico.
           - No Proterozoico (Aproximadamente 1000 millóns de anos) as placas desplázanse e xúntanse, dando lugar a un supercontinente que reunía todas as terras emerxidas. Este continente único chámase Rodinia. A P. Ibérica forma parte desta superplaca pero atópase mergullada nas augas do superocéano de Pantalasa. (Fig.3)
Fig.3. Rodinia e Pantalasa.
-NoPaleozoico(Aproximadamente 550 millóns de anos) tivo lugar a Oroxenia Herciniana. Como consecuencia desta oroxénese emerxen a maioría das cordilleiras hercinianas, que anteriormente estaban cubertas polas augas do Océano Pantalasa. Ao Oeste elévase o Macizo Hespérico, no que estará incluída a actual Galicia; macizo que foi arrasado pola erosión durante este período ata converterse nun zócolo ou meseta, no que se concentran os materiais máis antigos da Península, maioritariamente silíceos: granitos, lousas e cuarcitas; é dicir, materiais moi duros e ríxidos que condicionarán a posterior xeomorfoloxía de Galicia.
Fig. 4. Macízo Hespérico ou Ibérico.
               Por outra banda, despois dunha primeira separación, volven unirse nun único continente chamado Panxea, e na súa deriva cara o norte a placa Ibérica comenza a separarse grazas ao concurso das fallas do Golfo de Biscaia e de Xibraltar.  A finais do Paleozóico, novas perturbacións oroxénicas forman unha nova rede de fracturas, que reciben o nome de fracturas Tardohercinianas e que presentan unha orientación NO-SL e SO-NL. Estas últimas terán unha gran importancia no deseño das Rías Baixas e, concretamente, na configuración da Península do Morrazo. (Fig. 4)
   - No Mesozóico (Aproximadamente entre 251 e 145 millóns de anos) semella darse unha era de calma oroxénica. Pero sí se constatan cambios: separación de Panxea en dous grandes continentes: Laurasia e Gondwana, aparece o Mar de Tetis, as cuncas periféricas do Macizo Hespérico sufren unha série de transformacións: primeiro colmátanse de sedimentos, logo son invadidas, en repetidas ocasións,  polas augas mariñas (Transgresión-Regresión) debido ao ascenso e descensos do nivel dos mares, feito este que podería explicar parte do fenómeno das rías.
                 Durante o Mesozóico comenzaría a xestarse a Península do Morrazo. Este proceso estaría condicionado polas fallas Tardohercinianas do período anterior. Deste xeito, poderíamos dicir que O Morrazo estaría perfilado por un sistema de fracturas: 1) Fractura costeira do Oeste de Galicia de dirección N-S. Con trazado dende a Guarda ata A Lanzada.
Fig.5.  Reelaborado dende: CRIADO BOADO, CABREJAS: Obras Públicas e Patrimonio: Estudo Arqueolóxico do Corredor do Morrazo. Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Santiago, 2005.

2) Fractura Liméns-Vilariño de orientación NO-SE. 3) Fractura Cangas-Bueu de orientación N-S. 4) Fractura Sabarigo-Aguete de orientación SO-NE. 5) Fractura Moaña-Marín de orientación N-S. 6) Fractura O Pereiro-Aguete de orientación E-O. 7) Depresión Meridiana percorre o corredor Carballo-Tui e ten unha orientación N-S. (Fig. 5)
                Finalmente as dúas grandes fracturas que acollerían a Ría de Pontevedra, polo norte e a Ría de Vigo, polo sur, cerrarían o espazo definitivo da Península do Morrazo tal e como o coñecemos hoxe. Estas fallas tardohercinianas presentan unha orientación SO-NE que comparten todas as que configuran as Rías Baixas. O modelado definitivo da península veu determinado por un clima de tipo tropical-húmido: altas temperaturas e abondosas precipitacións; situación que propicia unha densa coberteira vexetal que, á súa vez, facilita unha rápida meteorización dos materiais, cúios sedimentos se depositarían nas zonas baixas, formando abanos de glacis principalmente na franxa costeira. En resumo, a apariencia da zona sería a dun conxunto xeomorfolóxico no que predominaría as áreas chas, con pequenas e suaves ondulacións como testemuñas da acción da erosión diferencial. As fracturas e fragmentación dos materiais xeolóxicos nas zonas de fallas favoreceron, xunto cos axentes externos: chuvia, vento... etc, a formación de pequenos vales con cauces de auga de reducido porte e pequeno caudal hídrico.
                 Paralelamente no tempo dáse a formación das dúas rías: a de Pontevedra e a de Vigo. En ambos casos as súas orixes hai buscala nunha causa tectónica, é dicir pola deformación das estructuras xeolóxicas que conforman a codia terrestre. Partindo desta idea, as rías que bordean o Morrazo ocupan o espazo de dúas fracturas tardohercinianas de orientación SO-NE. e os seus perfís foron modelados definitivamente polos ríos Lérez, no caso da de Pontevedra e polos do sistema Verdug-Oitavén, na de Vigo, axudados pola acción externa das augas superficiais de arroiada, que suvizarían as ladeiras e depositarían sedimentos nos fondos mariños.
                  - No Cenozóico (Aproximadamente  entre 65 millóns de anos e a actualidade) pasamos da calma xeolóxica  do Mesozóico ao paroxismo terciario producido pola oroxenia Alpina. A placa Ibérica únese de novo á placa Eurásica, empurrada pola deriva cara o norte da placa Africana e que a obriga a chocar violentamente coa placa Euroasiática. O Morrazo non vai ser alleo a esta convulsión, que ante o impacto reactiva as antigas fallas tardohercinianas e orixina unha série de movementos epiroxénicos, ou movementos verticais das placas tectónicas de xeito moi lento e de subsidencia ou levantamento. Está dinámica xera un rexuvenecemento do releve, que pasa de ser unha zona de suaves ondulacións a outra de importantes contrastes de altitude na que os accidentes xeomorfolóxicos se agrandan axudados pola abundancia de fracturas dos materiais xeolóxicos e pola incidencia dos factores externos que acentuarían a pendente das ladeiras despois de depositar os arrastres nas zonas baixas. 
                    Xa no Cuaternario: 2,6 millóns de anos BP, prodúcese un arrefriamento xeral do clima a nivel global que da lugar ás glaciacións, que se intercalan con espazos temporais nos que as temperaturas son máis suaves e reciben o nome de interglaciacións. Referíndonos ao Morrazo debemos dicir que os períodos glaciares non teñen incidencia, xa que quedan sustituídos por períodos pluviais e interpluviais. Parece demostrado que o xeo tivo e ten pouca actividade no espazo que nos ocupa. Pero as glaciacións globais sí tiveron unha grande influencia nas oscilacións eustáticas do nivel das augas mariñas; feito que explicaría parcialmente a configuración xeomorfolóxica das rías: os movementos de transgresión e regresión mariñas. A regresión provocaría un descenso do nivel de base dos cursos fluviais que, á súa vez, propicia que o río excave vales profundos que, posteriormente, serán invadidos polas augas mariñas mediante o movemento de transgresión. Fórmanse, deste xeito, as rías tal e como as percibimos na actualidade.
                      Vidal Romaní afirma que nalgunhas épocas, en concreto durante a glaciación Wurm, o nivel do mar pudo descender 120 m. con respecto ao nivel actual. Outros autores secundan esta idea máis recentemente: García-Moreiras ou Martínez-Carreño estudian as variacións de nivel do mar nas rías mediante as análises polínicas e de microfósiles, con resultados semellantes aos de Vidal Romaní para as oscilacións de nivel das augas mariñas. 
                       Se temos en conta estas propostas debemos asumir que en determinadas épocas do Pleistoceno a liña de costa retrocería ata 30 kms. mar adentro, o que suporí que o Morrazo estaría unido ás Illas Cíes e á de Ons, que as rías de Vigo e Pontevedra desaparecerían convertidas en profundos vales fluviais polos que circularían o Verdugo e o Lérez, respectivamente, como únicos atrancos que dificultarían a comunicación terrestre entre Vigo e Cangas ou Bueu e San Xenxo. (Fig. 6)


4. Litoloxía e características estructurais do rochedo. 
            A composición e as características estructurais do rochedo sempre determinan a modelaxe do releve e condicionan, a carón doutros aspectos, o tipo de vexetación e, consecuentemente a variedade de paisaxes nos espazos xeográficos. Daquí a importancia da súa análise.
             O espazo xeográfico do Morrazo queda integrado, segundo a clasificación tradicional da P. Iberica e as illas Baleares, dentro do dominio litolóxico da Iberia Silícea. Está zona ocupa o ámbeto de expansión do xa coñecido Macizo Ibérico ou Macizo Hespérico; é dicir, correspóndese cos materiais e releves máis antigos da Península Ibérica; como xa vimos, emerxidos no Paleozóico. Está formado por rochas dura, cristalinas, resistentes e ríxidas, que fronte ás presións non se pregan senon que se fracturan en fallas e diaclasas formando bloques. Os tipos de rochas predominantes no dominio son: lousas,cuarcitas, granitos e gneis.
                O Morrazo encádrase neste dominio pero cunhas particularidades que intentaremos resumir a continuación. Os seus materiais forman parte de dous dominios básicos con características específicas, que lle dan unha personalidade colectiva ás Rías Baixas dende o punto de vista petrolóxico:
1. Unidade ou Dominio do ComplexoVigo-Pontevedra-Noia, tamén chamado Fosa Blastomilonítica Polimetamórfica ou Complexo Antigo. Exparéxese pola parte oriental do Morrazo entre o escarpe oeste da Depresión Meridiana e unha liña que discorrería entre Punta Rodeira (Cangas) e Punta Salgueiro (Bueu). Cartográficamente preséntase en orientación N-S dende Malpica ata Tui. Esta franxa así delimitada está constituída polos restos dun acabalgamento herciniano que conten xistos, gneis, anfibolitas e ecloxitas. Todos eles materiais metamórficos, probablemente de orixe precámbrica, é dicir, de fai 4.500 millóns de anos.
2. Unidade do Complexo Migmatítico e das rochas graníticas. Abrangue dende os límites occidentais do Complexo Vigo-Pontevedra-Noia ata as Illas Cíes incluídas: esta é a zona occidental do Morrazo. O mesmo que o complexo anterior presenta unha orientación N-S. As súas orixes parecen proceder dunha antiga formación sedimentaria, tamén Precámbrica, que posteriormente foi sometida a un proceso de tectonización. Os materiais líticos que a configuran son: granitos, gneis e xistos. Todos eles materiais metamórficos. Dentro desta unidade tamén deberemos citar o Complexo Cabo Home-A Lanzada, este complexo maniféstase a través de afloracións discontínuas e exporádicas a ámbolos dous lados do Complexo Migmátitico, é un complexo de estructura sedimentaria formada por xistos e micaxistos facilmente observables ao norte da parroquia de Coiro e en Cabo Home, no concello de Cangas.
            Pero o espazo morracense prantexa unhas características específicas que superan as características mostradas nestes dous dominios; por outra banda, ao tratarse dun espazo xeografíco de reducidas dimensións obríganos a unha incursión analítica na petroloxía máis profunda e detallista, cuestión que imos tentar acometer nos parágrafos seguintes. É certo que este solar peninsular participa das características xeradas polo Macizo Hespérico e, polo mesmo, disfruta da personalidade da Iberia Silícea pero, ó mesmo tempo manifesta unha riqueza lítica moi diversa, a pesares de que case todos os materiais líticos que a compoñen teñen unha orixe metamórfica. O noso pricipal obxectivo a partir daquí e localizar espacialmente as afloracións dos diferentes tipos de rochas e expor algunhas das características de cada unha. (Figura. 8)
(Fonte: Plan de Dotacións e infraestructuras dos montes do Morrazo. FEADER) 

      A estructura lítica podemos clasificala en sete tipos de materiais líticos, que son os mais abundantes pero non os únicos que configuran a paisaxe do rochedo:
           1) Granitos de feldespato alcalino. Comparten os dous dominios xeolóxicos básicos, aínda que son máis abondosos no Complexo Antigo. En canto ás súas características principais comenzaremos dicindo que son rochas plutónicas que se compoñen de cuarzo, feldespato e mica; no caso que nos ocupa, recibe este nome cando máis do 90% de todos os feldespatos que o compoñen son de tipo alcalino. Ademais do nome expresado, recibe tamén o de "granito vermello" ou "rosa", pero no terreo pode preséntarse en cor negro, gris ou branco. No Morrazo predomina o de cor gris. É moi duro e resistente; úsase a cotío na construcción e na decoración de cociñas e baños. O seu dominio espacial abrangue a maior parte do concello de Vilaboa, igualmente unha grande porción do concello de Marín, un anaco importante da metade oriental do de Moaña, a maioría do territorio cangués e o SO. do dominio buenense. Pódese dicir que é o material que ocupa unha maior superficie do Morrazo.
             2) Granodiorita con megacristais de feldespato. Como se ve no mapa da figura 8, localízase fundamentalmente na parte occidental da península, que se corresponde co Dominio Migmático e das rochas graníticas. É a segunda rocha en importancia, se atendemos á extensión da superficie ocupada; pois exténdese por case toda a área territorial de Bueu, a franxa oriental da demarcación municipal de Cangas e os escarpes da fractura Liméns-Aldán. As súas carácterísticas presentan ligazóns familiares moi estreitas co granito de feldespato alcalino: rocha plutónica; composición a base de cuarzo, feldespato e plagioclasa. Estas cualidades convértena nunha rocha de transición entre os granitos e as dioritas.
               3) Granito e granodiorita biotíticos. Son rochas plutónicas que integran cuarzo, feldespato e biotita. Forman parte do Dominio do Complexo Antigo. Localízanse na Punta de Rodeira, Arnelas-Pinténs, aba oriental da Serra da Magdalena e vertente oriental dos Montes de Coiro, en Cangas; Bon, en Bueu; un sector dende Punta do Niño do Corvo ata Broullón, en Moaña. (Fig. 9)


                 4) Xistos, Lousas e paragneises. Os xistos e as pizarras proceden de rochas sedimentarias. Teñen unha estructura laminar. Non son moi abundantes no Morrazo. Ploa súa banda, os paragneis son rochas metamórficas parentes dos granitos: presentan coma estes, unha estructura granular e comparten minerais, aínda que os paragneis organízanos en bandas. Distribúense polos dous dominios básicos: a subpenínsula de Cabo Home dende Donón ata Punta Robaleira e Punta Subrido, en Cangas; o enclave do Alto da Portela compartido por Cangas e Bueu; Macende, Pardavila e Lourizán, no concello de Marín; Balteiro e Paradellas en Vilaboa. (Fig. 10)


              5. Gneis de Biotita. Ten unha composición semellante á do granito, pero con aportación de biotita. Presenta unha alternancia entre capas claras e oscuras en función dos mineriais que o compoñen. Distribúese por Sabarigo, en Bueu; Verdeal e San Lourenzo, en Moaña; Santradán e Pousada, en Vilaboa; e O Pereiro, en Marín.
                6. Gneis de ribekita. Presenta a particularidade de conter unha alta porcentaxe de ribekita: un silicato con aspecto fibroso e de cor azul. Localízase no eixo central da fractura Liméns-Aldán, o val do río Orxas, os vales do río Presas, Saíñas e Bouzós, en Cangas; no val do río Frade, en Bueu; vales do río do Inferno, río da Fraga e Barranco do Faro, en Moaña. A maior parte destes enclaves forman parte do Dominio Migmático.
                 7. Paragneis con plagioclasas, biotita e micaesquistos. É unha rocha na que predomina a biotita, e pode conter plagioclasas, que é un tipo de feldespato, e máis os micaesquistos, nos que predomina a mica e o cuarzo. A maior extensión dos afloramentos dáse en Aguete, Seixo, a Rúa Nova, Miñán, etc, en Marín; vales do río da Vella, rego do Buráns, rego do Portiño, en Vilaboa.


           5. A paisaxe lítica.
           A Península do Morrazo está integrada, como xa vimos, na provincia litolóxica da Iberia Silícea e comparte as características fundamentais das paisaxes que xeran as rochas propias do Macizo Ibérico, Macizo Hespérico ou Zócolo, que por estes tres nomes se lle pode chamar. Esta unidade lítolóxica comprende os relevos e materiais máis antigos de todo o territorio ibérico e abrangue a totalidade de Galicia, a parte occidental do Principado de Asturias, o Pirineo Axial ou eixo central da cordilleira, a cordilleira Costeira Catalana, Sistema Central, Montes de Toledo; Serra Morena, Cordilleiras Béticas, enclaves aillados no Sistema Ibérico: Picos de Urbión, Serra de Albarracín e Serranía de Cuenca. No que toca ao territorio portugués, o dominio silíceo exténdese pola zona NE dende o Miño ao Texo; polo SE dende o Texo ata a desembocadura do Guadiana. É dicir, este dominio formaría parte de arredor de dous tercios da totalidade do territorio lusitano.
             Naturalmente, a nós, a pesar da gran extensión das rochas silíceas na Península Ibérica, só nos interesa o referido á Península do Morrazo; aínda que unha gran parte das súas características son compartidas e, polo mesmo, a análise, descripción e síntese serán semellantes. 
                O modelado silíceo, en xeral, está definido por dous tipos de meteorización: 1- Meteorización do granito e 2- Meteorización dos gneis e xistos.
                 1- Meteorización do granito:
                 a) Mecánica ou física  - Causada pola xelifracción: rotura da rocha pola acción do xeo sobre as diaclasas; fenómeno que se produce cando a auga acumulada nas gretas ou fracturas se conxela por mor das xeadas ou baixas temperaturas; a auga, ao conxelarse, aumenta o seu volume e racha a rocha. Esta situación ten lugar en zonas de altitude montañosa.
              b) Química - Ten lugar cando a acción da auga se filtra polas diclasas producindo a alteración incompleta do feldespato e a mica; a continuación prodúcese a erosión e o arrastre dos materiais soltos cara a base dos bloques do granito, onde se forman as chamadas "terras pardoamarelentas" ou areización. Este tipo de meteorización xérase en zonas de altitudes inferiores.
                A acción dos distintos tipos de meteorización sobre as rochas crea, de xeito xeral, unha paisaxe semellante á da figura 12.



                  Nas zonas de altitude reducida e con predominio de temperaturas suaves (caso do Morrazo), a meteorización granítica depende da orientación das diaclasas na rocha: Se as diclasas son paralelas á superficie dan lugar á "descamación" do granito, que  fai que a rocha dura se disgregue pouco a pouco; resultando un releve ondulado, de formas redondeadas; onde aparecen con frecuencia os "domos". Quizais o máis representativo da península que nos ocupa sexa o do Monte Paralaia, (Fig. 13) ; ubicado no concello de Moaña, presenta un diclasado paralelo á superficie e curvado para adaptarse á estructura semicupuliforme do domo, condición que dá como resultado unha degradación en lanchas tamén curvadas (Domo de Exfoliación) que escorregan polas ladeiras, se fracturan e acumulan na base formando os coñecidos "Caos de bólas". 

Fig. 13. Domo no Monte Paralaia. Concello de Moaña (Fonte: elaboración propia)
                     
                     Cando o resultado da erosión xera formas redondeadas que non se achegan a un perfil cupular, senon que as súas curvas son máis abertas e suaves, que sobresaen lixeiramente no horizonte do terreo, estamos diante dun Lombo de Balea; como ocurre no existente na práia de Menduiña, en Aldán, Cangas. (Fig. 14)

Fig.14. Lombo de balea con escamacións na práia de Menduiña, en Aldán, Cangas. (Fonte: elab. propia)

                Se a alteración se produce a partir de diaclasas perpendiculares á superficie e por efectos da alteración diferencial en profundidade do granito baixo a acción da auga de chuvia, provoca a formación de "bólos" ou "bólas", que quedan apiladas unhas sobre outras formando distintas composicións líticas como:
                      - Caos granítico (Fig. 15): Cando as bolas graníticas se distribúen, segundo os caprichos da inercia, polas abas ou ao pé da montaña ou dunha pendente.

Fig. 15. Caos granítico na Zona Especial de Conservación (ZEC) de Cabo Udra, C. de Bueu. (Fonte: elab. propia)

                     - Tor (Fig. 16): É un amoreamento de rochas que, en conxunto, se asemellan a un castelo.

Fig. 16. Tor na Zona Especial de Conservación (ZEC) de Cabo Udra, C. de Bueu. (Fonte: elab. propia)

                         - Rocha cabaleira (Fig. 17): Son bólos ou bloques graníticos de diferentes volumes que se apóian no chán ou sobre outras rochas por unha superficie menor, condición que lles aporta unha grande sensación de inestabilidade. No exemplo da imaxe achegada podemos notar os efectos da erosión en "taffoni", ou "cacholas" en galego, que forma alvéolos excavados no interior da rocha en sentido contrario á gravidade. Nalgúns casos esta acción erosiva confírelle á rocha formas fantásticas, achegándose ao antropomorfismo ou zoomorfismo, como acontece na imaxe seguinte, na que unha forma úrsida se despraza polo chan buscando alimento.

Fig. 17. Pedra cabaleira  e mostra de taffoni en Lagos, Parróquia de Beluso, Concello de Bueu. (Fonte: elab. propia)

                       Cando se produce a meteorización química, fenómeno polo que a rocha se descompón debido á oxidación e hidrolización dos feldespatos, potenciada pola acción da auga interactuando coa acidez e sales minerais do terreo, xéranse as chamadas "Áreas pardoamarelentas": sectores do terreo formados por unha textura areosa procedente da meteorización da rocha subxacente (Fig. 18)

Fig. 18. Área pardoamarelenta nunha trincheira da estrada PO-315 entre San Amaro, parroquia de Aldán, C. de Cangas, e o Rego Nosedo, parroquia de Beluso, C. de Bueu. (Fonte: elaboración propia)

                    2- Meteorización dos gneis e xistos:
                        As lousas e os xistos meteorízanse máis facilmente que os granitos e os gneis, pois os seus materiais son pouco resistentes e, debido á súa estructura, descompóñense en láminas (erosión laminar). Os gneis son máis resistentes que os anteriores, aínda que en zonas costeiras do Morrazo como Cabo Home, concretamente no Complexo Cabo Home-A Lanzada a acción eólica e mariña deixa intensas pegadas nos materiais líticos baixo diferentes formas: furnas, arcos ou cristas (Fig. 19)


                                Mostra de erosión laminar formando cristas no borde costeiro entre Punta Robaleira e Cabo Home sobre gneises e micaxistos de datación preherciniana. Os planos laminares dos materiais son case verticais e de orientación norte; características que se poden observar na figura 20.

           Fig.20. Cantís gnéisicos entre Punta Robaleira e Cabo Home, Zona Especial de Protección dentro da Rede Natura 2000, en Donón, O Hío, Concello de Cangas. (Fonte: elaboración propia)


            6. A xeomorfoloxía.
a) Aspectos xerais: Como xa deixamos adiviñar en pasaxes anteriores deste texto, a península do Morrazo constitúese nun horst, que se atopa integrado nunha unidade xeomorfolóxica de categoría superior, constituída pola estructura xermánica que reflicte o conxunto das Rías Baixas galegas. Esta estructura é propia da tectónica de fractura frecuente nos macizos antigos como o Galaico-Leonés. Defínese este concepto como unha sucesión de bloques alternativamente afundidos: grabën, ou elevados: horts. Ésta dinámica de elevación-afundimento pode estar xerada por forzas téctónicas laterais que actúan sobre os bloques e poden ser de "expansión": tenden á separación; ou de "compresión": tenden á presión; pero indiferentemente o resultado sempre é o mesmo: un estilo tectónico en "teclas de piano" ou estructura xermánica. No caso que nos ocupa, os bloques levantados provocan as penínsulas e os afundidos acollen as rías. A figura 21 móstranos a imaxe dunha estructura xermánica clásica, uniforme, sin alteracións.

        Figura 21. Esquema non alterado dunha estructura xermánica aplicado ao Morrazo (Fonte: Elab. propia)

    Pero a estructura xermánica que xera a ría de Pontevedra, a Península do Morrazo e máis a ría de Vigo dista na realidade de ser un conxunto de bloques que garde as formas vertícais e simétricas que nos amosa a fig. 21; pola contra, preséntanos o horst levantado da península basculado no sentido NO-SE, deixándose caer sobre o grabën da ría de Vigo. A consecuencia fundamental desta alteración tectónica é a visible disimetría clinométrica da península, que nos mostra pendentes máis abruptas e acentuadas na vertente da ría de Vigo; dándose as pendentes máis intensas entre o Rego da Cova, no lugar de O Rio, parroquia de A Canicouva pertencente ao Concello de Pontevedra e a Punta de Corveiro ou do Castelo, estreito de Rande e aplanándose pouco a pouco a inclinación dende a punta de Corveiro cara Occidente ata a Costa da Vela, na parroquia do Hío do Concello de Cangas, mentras que a vertente que mira á ría de Pontevedra as pendentes baixan dende os cúmios máis suaves e tendidas. Non hai datos contrastados sobre a orixe, circunstancias e datación deste movemento de basculación, pero é tentador pensar que se producira durante o proceso de rexuvenecemento do Macizo Galaico e a formación das Rías Baixas durante o Cenozóico, fai 66 millóns de anos, como consecuencia da tectónica terciaria ou Oroxenia Alpina. Como dín Zazo e Goy (1994), a maior parte dos autores apóian esta teoría. Vexamos agora no gráfico seguinte unha representación máis próxima á realidade da estructura xermánica da contorna do Morrazo.
Fig. 22. Debuxo da basculación do horst da Península do Morrazo (Fonte: Elab. propia)

    Continuando co aspecto xeomorfolóxico das pendentes semella pertinente relacionalas aquí coas altitudes dos diferentes espazos topográficos da contorna que estamos a analizar. Neste aspecto deixarémonos guiar por de la Peña Santos, A. e Rey García, J.M. (1993), traballo no que afirman que O Morrazo presenta "un predominio das baixas altitudes, ata o punto de que utilizando como límite a curva de nivel dos 300 m. delimitaríase unha extensión que ocuparía o 72,6% da superficie total e cunha distribución espacial paralela á costa, con pequenas penetracións cara o interior, seguindo os diminutos vales fluviais. Convén destacar que todo o sector occidental da península estaría incluído neste intérvalo. As altitudes medias, definidas pola franxa comprendida dos 300 e os 500 m., comprenden o 23% do total do territorio, manteñen unha localización interior, na que se acollen as penichairas sobre as que se sitúan os coñecidos chans". Entre elas destacarían: as Chans de Ermelo, a 350 m. de altitude, no concello de Bueu; Chans de Cela, a 350 m. ou Chans de Botas, á mesma altitude e no mesmo concello de Bueu; Chans de Grixó e Chans da Paradela, a 350 m. e no Concello de Moaña. No segundo nivel de aplanamento habería que situar Chan da Arquiña, a 591 m. e no concello de Moaña; Chan de Xestoso, á 600 m., Chan de Goa, a 500 m., no concello de Vilaboa. (Figura 23)



    Noutro orde de cousas debemos dicir primeiramente que o releve morracense está directamente condicionado pola existencia de numerosas fallas e fracturas, que dan lugar a un releve compartimentado e dividido en sectores ou áreas superficiais diferenciadas; en segundo lugar, esta profusión de fendas condiciona a orientación da península que  analizamos, pero tamén de todas as rías e penínsulas da costa atlántica de Galicia e da rede hidrográfica da Península Ibérica.
    Estas fracturas oriéntanse en todas as direccións pero no borde litoral predominan as de orientación SW-NE  (40º-80º), ou SSW-NNE (200º-35º), que obrigan á Península e ás rías que a bañan nesa dirección; é dicir, Orientación SW-NE. A orixe desta fragmentación xeomorfolóxica hai que buscala na Oroxenia Varisca ou Herciniana, da que xa falamos anteriormente. Este paroxismo xeolóxico producíuse entre os 380 e os 280 m. de anos, e actúa sobre os antigos batolitos graníticos do Macizo Galáico durante o proceso de colisión de dous supercontinentes: Por unha banda, Laurasia (Actuais América do Norte e Europa) e, pola outra, Gondwana (Actuais Africa, América do Sur, Oceanía e a Antártida) Iberia, a actual P. Ibérica, era un microcontinente de nome Armórica entre os dous xigantes anteriores, que, ao producirse o impacto, quedou aprisionado e a súa compresión xerou a existencia destas fracturas e a súa orientación. O que explicaría a orientación cardinal e a organización da estructura xeomorfolóxica da Península do Morrazo. (Fig. 24)
  O espazo que nos ocupa preséntasenos tamén como un bloque macizo perilitoral conformado por unha antiga superficie de aplanamento ou erosión, na que Pérez Alberti, A. (1984:105); diferenciando dous niveis de aplanamento; opinión que comparte con Henri Noom (1965); o máis baixo, con altitudes arredor dos 400 m. e outro máis alto, do que só se conservan pequenos "outeiros" con altitudes que nalgúns casos acadan ou superan os 600 m. As maiores elevacións atopámolas na divisoria centro-lonxitudinal, a xeito dun continuum de accidentes montañosos con zonas altas que, ás veces, sobrepasan os 600 m., entre as que se intercalan outras máis baixas (Gómez Nistal, 2001). Esta superficie de erosión foi fracturada e rexuvenecida polos movementos tectónicos terciarios, e a fracturación da como resultado un releve relativamente contrastado e de formas redondeadas e suaves, procedentes da posterior acción erosiva. As fractura son invadidas polos pequenos cursos fluviais para buscar a máis doada saída ao mar.
    Outra característica a destacar do releve deste espazo é o desigual reparto das altitudes tanto no sentido lonxitudinal coma no transversal. Veremos con maior claridade estas realidades observando as figuras 25 e 26.


    Se nos centramos na figura 25, observaremos que lonxitudinalmente o releve da península descende suavemente en altitude dende o Monte Xaxán cara occidente. Concretamente dende a superficie de Lagocheiras ata o Monte Paralaia a penas se acadan os 400 m. de altitude e a partir da Cruz de Hermelo o descenso é xa definitivo ata a Costa da Vela. Feito que nos permite concluír que as altitudes inferiores aos 400 m ocupan arredor do 95% do espazo lonxitudinal, que a caída das altitudes é moito máis rápida cara oriente e que finalmente, nos atopamos en lonxitude cunha disimetría topográfica clara á favor da parte occidental.


    Vexamos agora o perfil transversal: observamos, en primeiro lugar, que as altitudes superiores aos 500 m branguen aquí unha extensión lixeiramente superior: aprox. un 20%; outro 20% as situadas arredor de 400 m. e o 60% do territorio restante non supera estes valores. De novo se aprecia unha disimetría topográfica das altitudes: descenso en suave escalonamento cara o norte do Coto Home vía Ría de Pontevedra e máis brusco cara o sur camiño da Ría de Vigo.
    No referente á xerarquía de altitudes debemos incluír un apartado específico para aquelas que non acadan moita elevación, pero que poden ser importantes dende o punto de vista dos elementos morfolóxicos que se poden xerár no seu ámbeto. Na península do Morrazo o espazo por elas ocupado é moi extenso; xa dixemos antes que as curvas de nivel entre 0-300 abranguían o 72,6% da superficie total. Esta superfie, lóxicamente, sigue unha franxa paralela á costa, con algunhas penetracións cara o interior acompañando aos cauces da diminuta rede hidrogáfica. Neste espazo delimitado desenvólvense algúns elementos propios do releve aos que debemos prestar atención; referímonos aos glacis: María Xesús Suárez Iglesias (1990) define así este concepto: Forma do relevo que se caracteriza por amosar unha topografía de pendente lonxitudinal (media entre 1 e 5%) constante ou lixeiramente cóncava. A súa xénese require unha desnivelación morfotopográfica ó pé da que se forma o glacis, e procesos de arroiada difusa ou en manto, precipitacións irregulares e esporádicas pero de forte intensidade... Engadiriamos que escaseza de vexetación e a presencia de materiais blandos tamén contribúen á súa creación. Semella que moitas das condicións que se esixen non están presentes no Morrazo. Aínda así, algúns especialistas detectan estas formacións no espazo que nos ocupa. Lanchas Carrasco, S. (1974) localiza glacis-ladeira entre Domaio e a práia de Pousada (Vilaboa). (Figura 27)


    Rodriguez Ferreiro, H. (1982) móstranos glacis que describe do seguinte xeito: A (vertente) que da á enseada de San Simón é flanco oriental do Monte Faro de Domaio e neste punto a ría desenvolve a costa do "glacis-vertente" (Sigue a clasificación de F. Joly para os glacis) que forman o lado L de Domaio e o SE do Monte Castiñeira. Os glacis de erosión, tipo aos que corresponden os glacis de vertente, adoitan formarse sobre materiais brandos como os xistos metamórficos. Rodríguez Ferreiro identifica glacis tamén no tramo de costa que vai de Bueu poboación a Cabo Udra e no sector da vertente norte da ría de Aldán entre práia Menduiña e práia Vilariño. Pola súa banda, Pérez Alberti, A. (1993) describe diminutos glacis na parte máis occidental da ría de Pontevedra, nos arrdores da Depresión Meridiana, é dicir, por terras de Salcedo, Lourizán e Os Praceres. Souto González, X.M. tamén fala de glacis no Morrazo, pero sin estabrecer a súa localización espacial concreta. Para rematar esta cuestión, diremos que asumimos plenamente o concepto de "diminutos glacis" aportado por Pérez Alberti, pois define perfectamente o tipo de glacis que se poden formar en medios con un modelo climático húmido, unha rede hidrográfica cativa, un manto vexetal abundante, unhas precipitacións regulares e uns materiais xeolóxicos nos que predominan as rochas cristalinas e duras.
b) As unidades morfoestructurais:



 









































    

mércores, 20 de outubro de 2010

Pedro Antonio Cerviño. Un pontevedrés no Virreinato do Rio da Prata. (1774-1810)

Retrato de Pedro Antonio Cerviño.
Corría o ano de 1774 cando Pedro Antonio Cerviño chega a Bos Aires procedente de Campo Lameiro (Pontevedra). Nacera na parroquia citada o 6 de setembro de 1757, é dicir, tiña 17 anos cando foi acollido na que, dous anos máis tarde, sería a capital do Virreinato do Rio da Prata.
O Virreinato foi fundado polo monarca español Carlos III baseándose nas condicións que reunía Bos Aires: a) gozaba dunha inmellorable situación estratéxica no esteiro do Prata fronte ás ambicións portuguesas na zona, b) quedaba relativamente cerca para defender as Illas Malvinas, que neste momento eran apetecidas polos ingleses e franceses, c) Coincidindo con estas circunstancias o monarca español iniciara un proceso de descentralización do imperio americano coa intención de rexilo mellor, o que implicou esgallar do antigo Virreinato do Perú as rexións dos actuais Estados da Arxentina, Bolivia, Paraguay e Uruguay para configurar a nova unidade política.
0
Plano de Bos Aires no s. XVIII.
O primeiro virrei foi D. Pedro Ceballos (1776-1778), que expulsa aos portugueses da costa oriental e destrúe a súa colonia de Sacramento. O segundo virrei foi Juan José de Vertiez e Salcedo (1778-1784), que estableceu as intendencias ordenadas polo ministro Gálvez, fundou as aduanas portuarias e impulsou importantes reformas urbanas na capital. Entre 1784 e 1789 ocupou a sé virreinal o marqués de Loreto, que fundou a Audiencia de Bos Aires. Nicolás de Arredondo o sustitúe entre 1789 e 1795 e pón gran empeño na organización do Consulado ou Cámara de Comercio, na expansión urbana da cidade e na mellora da súa salubridade.
Catro virreis gobernaron brevemente entre 1795 e 1804: Pedro Melo de Portugal e Villena, Antonio Olaguer Feliú, Gabriel de Avilés e Joaquín del Pino, que propiciaron unha estabilidade para o seu desenvolvemento económico. En 1804 o marques de Sobremonte faise cargo do virreinato e reforza as defensas do porto, que non foron dabondo para rexeitar en 1806 á escuadra inglesa de Home Popham, que se fai dono da cidade, aínda que nese mesmo ano volve ao poder dos españois. Entre 1807 e 1809 chega ao virreinato Don Santiago de Liniers cando a inestabilidade preindependentista xa se fixera patente en todo o territorio; acontecemento que Liniers non soupo xestionar eficazmente. Baltasar Hidalgo de Cisneros colleu o testigo de Liniers ata 1810, data da Revolución de Maio, que inicia o xurdimento do Estado arxentino.
Pedro Antonio Cerviño foi testemuña e protagonista de todos estes feitos. Participou en expedicións exploratorias, en campañas militares e manifestouse como un intelectual humanista e ilustrado, participou no proceso emancipador que culminou en 1816. Nel Cerviño defendeu a participanción dos crioulos no poder político do novo Estado, pero mantendo as estructuras sociais do virreinato no novo Estado.
Por todas estas razóns a nación arxentina, que este ano 2010 celebra o Bicentenario da Independencia, homenaxea a todas as personalidades que a fixeron posible. Entre elas está Pedro Antonio Cerviño e a que describimos foi a cidade de Bos Aires que el coñeceu.

mércores, 28 de xullo de 2010

O cambio climático en España.

Paisaxe recentemente desertizada.
Hoxe, 28 de xullo de 2010, o xornal El País publica unha información na súa sección de sociedade sobre as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) no referente á evolución das temperaturas para dentro de 60 anos. Estas previsións son de caracter rexional e os seus resultados son alarmantes, sobre todo, dende o punto de vista térmico.
Para definir dunha maneira sinxela o concepto de cambio climático, podemos dicir que se trata da variación do clima da terra partindo dunha perspectiva global, planetaria. Aínda que os cambios climáticos foron frecuentes na historia xeolóxica da terra, hoxe o termo refírese principalmente aos cambios nas variables do clima que se están observando durante a nosa vida, que parecen estar producidos por causas humanas e non naturais, como ocurría no pasado.
Dende a Revolución Industrial a humanidade consumiu masivamente combustibles fósiles. Estes materiais sacados da natureza impulsaron o desenvolvemento industrial debido ao seu alto poder calorífico, pero tamén xeraron a maior contaminación atmosférica, dos solos e das augas, que o planeta nunca antes sufrira.
Unha das consecuencias directas desta contaminación atmosférica é o efecto invernadoiro que, á súa vez, provoca o quecemento global, elemento básico do cambio climático.
Para entender como afectará a España o cambio climático podemos ler a información de El País coa que comenzamos esta entrada.

martes, 4 de maio de 2010

O conxunto monumental de Santa María de Darbo


A igrexa de Santa María de Darbo non se podería entender, na súa máis pura esencia, se a desligamos da súa contorna natural-paisaxística, da arquitectónica-constructiva ou da cultural-antropolóxica: está enclavada nunha estructura natural coa que manten unha profunda simbiose; os elementos artístico-constructivos que a arrodean dan lugar a un adro que favorece a vida comunal da parroquia; cando este espazo se enche de humanidade para ver a tradicional danza, a comunión entre o home e o medio e entre o pasado e o presente dos tempos, estoupa nun carrusel de cores, músicas e aplausos ancestrais. Por iso, cando se fala de Santa María de Darbo hai que referirse ao conxunto que a arrodea: a natureza, a arte e ao home.
A natureza foi dadivosa co conxunto de Darbo, que está situado na vertente oeste do pequeno Val do mesmo nome, na aba leste dos Montes de Varalonga e do outeiro de Seixo. Dende esta posición domina todo o espazo afundido, que aparece protexido do norte e do nordés polos picos Gatica e Castelo, este último lugar de asentamento do desaparecido Castelo de Darbo; polo leste pechan a depresión dúas serras: ao norte a de Nacente e cara o sur a de Poniente, coroada pola hermida de San Roque. O sur queda aberto ao mar da Ría de Vigo e por el busca fácil saída, debido á inclinación da valgada cara o mar, o Río do Postillón, que nace nos Montes de Varalonga, percorre o val de norte a sur e verte humildemente as súas augas na Enseada de Entremiños. A altitude media das terras do val ronda os 50 m. sobre o nivel do mar, que ao estar protexidas dos ventos do norte, do leste e do suroeste e orientadas cara o sur permiten a xeración dun microclima local, encadrado dentro do clima oceánico húmido con temperaturas medias de 9,7º C en xaneiro e 19,5º C en xullo complementado cunha pluviometría de 1.515 mm., moi favorable para a agricultura e para o desenvolvemento dunha exuberante vexetación. Dende unha perspectiva xeolóxica os materiais predominantes en Darbo son o granito alcalino de dúas micas e os granitos e granodioritas biotíticos, sobre eles, e dende un plantexamento edafolóxico, depositanse limos, arxilas, e gravas cuaternarios procedentes da disgregación e alteración dos granitos anteriores, que rechean a vaguada orixinal xerando solos de certa potencia e que xunto coas variables climáticas, dan lugar a vizosas veigas. A vexetación actual está moi alterada pola acción antrópica, plasmada na introdución de especies de crecemento rápido coma o eucalipto (eucalyptus globulus) ou o piñeiro (radiata e pinaster), que probablemente substituiron a pequenas formacións de perennifolias-estivifolias: carballos e rebolos nos bordes do val coa serra, e de salgueiros, vidueiros e amieiros nas ribeiras do Río do Postillón...
O Pico Garita dende a frondosidade do Val de Darbo (Cangas do Morrazo)
A arte adquire a súa carta de identidade coa serea monumentalidade da igrexa parroquial, a presencia da arquitectónica fonte e a altivez do cruceiro que abre as portas ao espazo sacro.
A construción eclesiástica é unha mostra orixinal do barroco rural galego. Construída durante os séculos XVII e XVIII como sustituta do templo anterior, que probablemente fora románico e do que non se conserva ningún resto despois do incendio durante o cruento ataque dos turcos de 1617. O edificio actual presenta a maioría das características propias do estilo contrarreformista de Trento aínda que cunhas singularidades que a converten nun exemplo especial da época.
Igrexa de Sta. Maria de Darbo. 
A planta é de cruz latina con brazos curtos, circunstancia que case rememora as plantas de salón góticas, se non fora pola presenza dunhos muros de granito grosos e pesados e pola práctica ausencia de vanos, que acentúa a sensación de solidez e fortaleza da fábrica. As liñas rectas das paredes e o corte xeométrico do plano, no que sobresaen os cadrados, rectángulos e círculos, reducen en gran medida a posibilidade de movemento típica da arquitectura barroca, que o crea coa presencia dos trazos quebrados, ondulados e os efectos de claro-oscuro, pero lle transmiten ao deseño unha impresión de armonía , proporcionalidade e equilibrio. O espazo acotado polo plano cúbrese cunha bóveda de medio canón sobre a nave e unha cúpula semicircular sostida con pechinas sobre o transepto.
A fachada presenta unhos ingredientes aparentemente máis barrocos. Está dividida en tres rúas; a central, claramente máis ancha cas laterais, acolle a portada enmarcada por pilastras adosadas de estría morta que soportan un finxido tímpano con duas volutas; enriba da portada sitúase unha escultura da Nosa Señora de Darbo flanqueada por dous vanos polilobulados e todo o conxunto coroase cun frontón semicircular rematado por unha moldura ancha, que lle da profundidade e volume, dúas caracolas laterais e unha cruz central que intensifican o sentido de ascensionalidade do corpo principal; as rúas laterais están delimitadas por dúas pilastras adosadas de fuste liso con moldura acasetonada cada unha, a altura destas é superior ás da portada e sosteñen dous campanarios cubertos por cúpulas cónicas que aportan unha maior estilización á fachada.
Os elementos decorativos a base de curvas, onduladas e quebradas xunto coas solucións arquitectónicas da fachada crean un efecto de luz e sombra e resaltan a intencionalidade ornamental; paralelamente os motivos decorativos e as pautas da súa distribución xunto á estructura do pano da fachada fálannos de reminiscencias lusitanas e indianas.
O home é o outro gran protagonista en Santa María de Darbo; e unha das manifestacións do seu protagonismo no contorno é a danza e contradanza de Darbo, que sintetiza en movemento e ritmo a simbiose entre natureza e arte.
Facerse preguntas sobre as orixes da danza de Darbo é, por unha banda, situarse nun terreo complicado e descoñecido e, pola outra, remontarse á prehistoria da humanidade, que nos recorda con multitude de representacións dancísticas na arte rupestre que esta manifestación artística xa existía nos albores da humanidade e que formaba parte dos seus rituais máxico-relixiosos. A danza mantén a súa vitalidade nas culturas exipcia, mesopotámica, oriental e clásica coas mesmas intencionalidades que na prehistoria.
Na Península Ibérica os pobos prerrománicos, segundo o que nos conta Estrabón, bailaban nas noites de plenilunio arredor do lume a un deus descoñecido. Máis tarde, coa conquista romana, estes pobos asimilarón as danzas licenciosas e frívolas latinas, pero sin esquecer nunca as indíxenas. Poderíase dicir que a influencia romana produciu a primeira regulamentación da danza na Iberia.
Un movemento da danza de Darbo.

Ao mesmo tempo que as danzas de carácter máxico-relixioso desenvolveronse danzas de natureza guerreira e fúnebre, que se utilizaban como preparación para a batalla e como despedida final ao veciño ou ao heroe da comunidade respectivamente.
A cristianización durante o Baixo Imperio contribuíu ao enriquecemento do acervo cutural da danza coa introdución de variantes novas de bailes, pero ao non ser quen os sacerdotes de suprimir as indíxenas permitiron a súa introducción nos templos. Por iso, xa no século VIII ou Alta Idade Media, San Basilio, percibindo a importancia que adquirira a danza nas comunidades sociais, louba a interrelación danza-relixión e admítea como parte das liturxias sagradas.
Na baixa Idade Media constátase unha enorme influencia árabe en case todas as danzas tradicionais da Península. Tanto é así que moitos autores afirman que todas as danzas de cintas ou cordóns teñen esta procedencia, que se mantén durante os séculos XVII e XVIII en todo o territorio peninsular. Desta época proceden as danzas cortesanas, que se bailaban nos castelos, pazos e casas señoriais da nobreza e fidalguía galegas e que o pobo llano trataba de imitar ou ridiculizar, segundo os casos. Estas pezas bailables reciben o nome de farsas e desenvólvense por Castela, León, Cataluña e Galicia. A súa interpretación está baseada no refinamento, na pausa, na galantería e na cerimonia, actitudes que nos recordan a vida pacega e á que non era allea a xurisdición do Morrazo na época moderna.
Estas circunstancias históricas suxiren que non sería moi atrevido imaxinar as raíces da danza de Darbo no contorno socio cultural descrito.

xoves, 25 de marzo de 2010

Montañas alpinas

Esta pequena série de diapositivas mostrannos algunhas das características máis destacadas das montañas de "tipo alpino". Formáronse durante a oroxenia alpina, por iso o seu nome, na Era Terciaria e nos períodos Paleóxeno e Neóxeno, que se desenvolveron entre os 6,5 millóns de anos e os 65.000 anos. Trátase de elevacións recentes dentro da historia xeolóxica da terra que, como vedes, se contabiliza en millóns de anos. Pola súa xuventude presentan uns perfíles de aristas case cortantes e cúmios con puntas afiadas, adoptando a pariencia de farallóns soberbios que parecen cortar as nubes e mergullar na sombra os vales. Esta agresividade esta xustificada polo feito de que a erosión aínda non tivo tempo de esmerilar as súas arestas e lles permite mostrar toda a súa grandiosidade e beleza. Activade a presentación e veredes como esta descripción se queda curta.
Na Península Ibérica as cordilleiras máis representativas desta oroxenia son os Pireneos, as Cordilleiras Béticas, a Cordilleira Cantábrica, o Sistema Ibérico, Serra Morena, Sistema Central, Montes de Toledo e Macizo Galaico.
Todas estas montañas, en maior ou menor grado, foron afectadas polo fenómeno do glaciarismo, que contribuíu e contribúe ao desgaste das súas formas.

luns, 22 de marzo de 2010

Nazismo versus racismo


Que o nazismo foi un réxime racista é unha cuestión que hoxe non admite dúbidas. E para mostra un botón: Vexamos este fragmento sacado da obra emblemática de Adolf Hitler: A miña loita, publicada en 1925 e que servíu de base ideolóxica para a montaxe do Estado nacionalsocialista.

Adolf Hitler.
"O Estado non é un fin en si, senón un medio (...) . Nós, os nacionalsocialistas, debemos establecer unha distinción ben marcada entre o Estado, que é o continente, e a raza, que é o contido. O continente non ten razón de ser se non é capaz de conservar e preservar o seu contido. Tamén o fin supremo do Estado racista debe ser asegurar a conservación dos representantes da raza primitiva, creadora da civilización que fai a beleza e o valor dunha humanidade superior (...).

Tendo en conta esto e o cargo público que ocupaba, non é de extrañar a desmesurada preocupación de Heinrich Himmler, xefe da Gestapo e das SS, corpos policiais do réxime hitleriano, por demostrar de xeito esaxeradamente efermizo a súa pureza racial, segundo informa hoxe o diario madrileño El País.
Consecuencia de todo isto foi a febril e aloucada persecución de todas as minorías raciais existentes neste momento en Europa Central: xudeos, negros, xitanos ou homosexuais, estes últimos, ao postre, pouco tiñan que ver coa raza, senón máis ben reencarnaban un prototipo de home que se opuña frontalmente ao deseño humano do nazismo.
Todos estes grupos foron obxecto dunha sistemática persecución: primeiro viñeron os guetos, logo o internamento en campos de concentración e por último a solución final: o exterminio.
Para cumplir o derradeiro obxectivo, os nazis sembraron Europa Central de multitude de campos, nos que os reclusos eran obrigados a traballar ata extenuación, mal alimentados e maltratados ata perder a dignidade humana. Auschwitz, Mauthausen, Buchenwald, Treblinka, entre outros moitos, son nomes imborrables na lista de crimes nazis.

luns, 1 de marzo de 2010

A terra treme no Cono Sur


O sábado, día 27 a terra moveuse con violencia no longo país andino de Chile, producindo moitos danos materiais e humanos; as víctimas poden acadar o número de 1500, segundo cálculos do goberno chileno. A terra segue tremendo ata agora con réplicas de 6,5º na escala de Richter, o que nos indica a enorme potencia do sismo principal, que chegou á unha intensidade de 8,8º na escala anterior, é dicir unha escala de potencia acadada só en catro ou cinco veces anteriores. pódese afirmar que é un dos terremotos máis fortes nunca rexistrados.
Edificio colapsado por unha fractura sísmica en Chile no 2010.
¿A que se debe semellante violencia? O longo país andino está situado sobre unha faia entre a placa de Nazca e a de América do Sur, dúas placas tectónicas xigantescas. Entre elas atópase a faia (fractura entre as dúas placas) que é o punto de fricción, choque ou subducción. Estes movementos son os que producen os terribles sismos e tantos destrozos materiais e humanos.
Dende opunto de vista xeomorfolóxico, o movemento das placas xerado pola deriva continental ou a tectónica de placas contribúe á modelación contínua da superficie terrestre, creando cordilleiras, fosas, mesetas... Se non fora por esta dinámica a superficie tendería a ser chá por mor do efecto da erosión, pero a tectónica fai que o traballo dos procesos erosivos sexa interminable.
A Cordilleira dos Andes é un producto do choque destas placas sudamericanas e grazas a elas as montañas andinas siguen medrando e a superficie da terra rexuvenecéndose.

mércores, 24 de febreiro de 2010

De novo, Tutankamon

Máscara funeraria e reconstrucción idealizada da cara de Tutankamon.
Desde que se descubrira a súa tumba, Tutankamon foi obxecto de referencias. Sobre todo no mundo da historia pseudocientífica e no ambito da literatura tinguida con certo velo de misterio e suspense. Naturalmente, non podemos negar o seu interese dentro dos estudios da exiptoloxía académica universal.
Nos últimos tempos, importantes estudios executados por arqueólogos exipcios do Museo do Cairo e publicados pola prensa internacional, semellan botar luz sobre a figura do controvertido faraón que morreu á idade de 19 anos. Estes estudios baséanse na análise dos restos atopados nas tumbas, que someténdoos ás probas do ADN, deron como resultado o establecemento da súa familia máis proxima e a negación de moitos aspectos da súa vida e morte, que xa estaban case aceptados pola investigación histórica.
Tutankamon, pertencente á dinastia XVIII, tivo moitos problemas de saúde, de feito morreu por causa deles. A súa vida discorreu entre 1346 e 1337 a. C. Á idade de nove anos subiu ao trono co nome de Tutankamon, que quere dicir imaxe vivinte de Atón. Coñécese pouco do seu reinado ata agora; parece que fixo unha expedición a Siria e promoveu varias fundacións en Nubia. Faleceu aos 19 anos e críase que fora asasinado.

domingo, 13 de setembro de 2009

Os efectos do cambio climático


Mapa de riscos de desertización por provincias.
Poderiamos dicir que entendemos por cambio climático a alteración das variables históricas do clima a escala global ou rexional. Este cambio nas variables climáticas parece preocupar ás autoridades mundiais dende non fai moito tempo, aínda que xa é motivo de preocupación para os grupos ecoloxistas non gubernamentais dende os anos oitenta do século vinte. Ata agora moitos detractores da súa existencia achacaban as alteracións climáticas á variabilidade histórica do clima, verdade irrefutable cando o home non tiña capacidade de influencia sobre os mecanismos que o regulan, Pero a partir da Revolución Industrial do século XIX, coas enormes transformacións de todo tipo que produciu, a capacidade de alteración do medioambiente por parte do home multiplicouse enormemente e os últimos estudios e análises do clima dan como resultado que o cambio climático actual está en gran parte provocado pola acción antrópica.
Outra cousa é que sexa igual de perxudicial para todas as zonas do planeta ou para todos os sectores económicos. Parece ser que favorecerá a unhas zonas que teñen condicións climáticas adversas: moi frías, e perxudicará a zonas de climas favorables: cálidas, ás que podería levar á desertización.
Unha información do diario El País do 12 de setembro de 2009 pódenos axudar a entender mellor este problema.

xoves, 2 de xullo de 2009

España é un país de vellos.


O crecemento vexetativo do Estado español descendeu ata 1998, debido a unha taxa de natalidade moi baixa: o índice sintético de fecundidade alcanzou a cifra de 2,1 fillos por muller en 1981 -que permitía exclusivamente a taxa de remplazo ou o crecemento cero- e continuou descendendo ata alcanzar o seu valor mínimo en 1998: 1,24 fillos por muller. Dende esta data a natalidade experimentou unha lixeira recuperación atribuída, básicamente, á inmigración, xa que a poboación mantén o seu comportamento "malthusiano" ou restrictivo da natalidade. A inmigración colabora a este aumento da natalidade, sobre todo, polo incremento de mulleres en idade fértil, dado que a súa fecundidade, inicialmente máis alta, tende a achegarse á española. Así, o número de fillos por muller das estranxeiras pasou de 2,3 en 1996 a 1,80 en 2006, polo que se prevé que esta recuperación da natalidade será transitoria.
Evolución histórica da estructura por idades da poboación española.

O outro exente dinamizador da evolución demográfica é a mortalidade, que se manten en cifras moi baixas, aínda que ascende lixeiramente desde 1982, debido ao envellecemento da poboación. Polo tanto, trátase dun aumento "aparente" causado polo incremento do número de anciáns, posto que a mortalidade real continua descendendo, como o demostra o aumento da esperanza de vida.

Naturalmente, a nova situación demográfica produce novas situacións sociais e a aparición de novos problemas, que os Estados occidentais terán que resolver en breve.
Algúns destes problemas comenzan a visulizarse agudizados e impulsados pola enésima crise do sistema capitalista. No caso de España o goberno planea unha reforma do sistema de pensións, coa intención de favorecer a saída da crise.