sábado, 14 de maio de 2011

O releve da Península do Morrazo.

1. Presentación.
O Morrazo como unidade xeográfica ben definida espacialmente, configura unha península clásica: forma alongada e estreita e rodeada de mar por todas partes: polo N. a Ría de Pontevedra, polo O. o Océano Atlántico e polo S. a Ría de Vigo, menos por unha: o L. pola que está soldada ao continente ou, como ocurre neste caso, a outra península de maior tamaño, por medio dun istmo que coincide cunha porción da Depresión Meridiana comprendida entre Pontevedra e Vilaboa. Este espazo así delimitado presenta un terreo abrupto e moi fracturado cun aspecto montañoso e accidentado.

2. Localización e extensión.
O conxunto citado encádrase en latitude norte e lonxitude oeste; presentando as seguintes coordenadas: latitude norte entre os 42º 24' 47'' na desembocadura do río Gafos no núcleo de Pontevedra e os 42º 14' 14'' en Cabo Pequeno, na parroquia do Hío en Cangas. Lonxitude oeste: entre os 8º 15' 03'' na estrada N 550 en Figueirido e os 8º 38' 37'' en Cabo Home, na parroquia do Hío en Cangas.
A súa extensión total sitúase arredor dos 140,1 km2, cunha lonxitude de 40 km. e 10 km. na súa parte máis  ancha: entre Punta de San Adrián, en Rande e Punta Riscada na Tioira, en Ardán; e arredor de 2 km. na súa parte máis estreita: entre Vilariño e o areal de Liméns no Hío. Con estes parámetros a península configura a comarca máis pequena de Galicia, aínda que intensamente humanizada.
Adopta unha orientación SO-NE, seguindo as liñas de fractura que marcan o río Lérez e o sistema fluvial Verdugo-Oitavén ao desembocar na ría de Pontevedra e Vigo respectivamente.

3. A evolución xeolóxica do relevo.
O relevo actual da Península do Morrazo é o resultado dunha historia xeolóxica de millóns de anos. Nela alternaron fases oroxénicas con outras de calma, nas que predominaron a erosión e a sedimentación. Por outra banda e como é natural, trátase dunha historia cinguida á do resto da Península Ibérica e á de Galicia en particular.
-Era Arcáica ou precámbrica (4000-600 millóns de anos) na que emerxeu do mar unha banda montañosa arqueada de NO-SE, formada por lousas e gneis, que comprendía case toda a actual Galicia. Este macizo precámbrico foi arrasado pola erosión e cuberto case na súa totalidade polos mares paleozóicos, cando se produce a separación das placas americanas, euroasiática e africana,  que da paso ao espazo oceánico. Restos dese macizo sería o que hoxe se coñece en Galicia como "Unidade Ollo de Sapo". Neste escenario, o deseño  xeográfico de Galicia tal e como o vemos hoxe non existía, o mapa que se nos debuxaría estaría fragmentado: a metade occidental de Galicia (provincias de A Coruña, Pontevedra e a parte occidental da de Ourense) estaría unida ao Continente Americano, mentras que a parte oriental (provincia de Lugo e parte oriental da de Ourense) permanecía unida ao Continente Euroasiático. A liña de costa habería que situala por zonas de Palas de Rei, Monterroso, Chantada, Monforte, Castro Caldelas, O Bolo... Como vemos, un mapa difícil de imaxinar para os galegos actuais.
-Era Primaria ou Paleozóica (600-225 millóns de anos) caracterizada pola oroxenia herciniana, que se produce pola colisión das placas euroasiática e americana. Este impacto xerará a soldadura da Galicia Oriental, principalmente a provincia de Lugo, á Galicia Occidental formada polas provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra. A oroxenia herciniana foi o motor que impulsou a unión de todos os continentes, dando lugar ao supercontinente Panxea e en Galicia ao trazado das fracturas tardohercinianas, nas que as de orientacíón NE-SO marcarán o rumbo das futuras rías atlánticas. Froito da dinámica herciniana, aínda que nunha segunda fase de menor intensidade, foi a intrusión da maioría dos granitos hercinianos, que están presentes con plena autoridade nas paisaxes litolóxicas do Morrazo
-Era Secundaria ou Mesozóico (225-68 millóns de anos) momento que se identifica coa calma oróxénica. A nivel global o máis significativo é a fragmentación de Paxea en dous grandes continentes: Laurasia ao norte e Gondwana ao sur. A subsiguiente fragmentación de Laurasia produce a separación da subplaca Iberia da placa de América do Norte, orixinando deste xeito a fachada atlantica galega co primeiro deseño das rías. As de Vigo e Pontevedra xunto coa Península do Morrazo son o resultado da acción dun sistema de fallas hercinianas e tardohercinianas trazadas na era anterior, que delimitarían definitivamente o espazo morracense: polo Oeste unha falla de dirección S-N que se estende desde a Guarda por Cabo Silleiro cara o norte ata Fisterra, responsable da Costa da Vela; polo Leste a omnipresente Depresión Meridiana, tamén de orientación N-S, entre Malpica e Tui, que fai de soldadura do Morrazo á P. Ibérica por Salcedo, Tomeza e Figueirido; finalmente, polo norte e polo sur, dous sistemas de fallas tardohercinianas con orientación NL-SO farán de leito para as dúas rias que rematarán trazando o perfil da subpenínsula do Morrazo.
-Era Terciaria ou Cenozóico (68-1,7 millóns de anos) preséntase como unha fase de grandes convulsións activadas pola oroxenia alpina. Esta oroxenia estivo provocada polo choque da placa Africana contra a subplaca Ibérica, que, empurrada cara o norte, contacta coa Euroasiática, fracturándose en dirección O-E e basculándose cara o Atlántico. Ao mesmo tempo prodúcense movementos de elevación (epiroxenia positiva: horst) na costa galega de zonas emerxidas, o que obriga aos ríos a excavar profundos vales na súa desembocadura, aproveitando os movementos de afundimento (epiroxenia negativa: graben) o nivel do mar quedaría por debaixo do actual debido ás glaciacións e estes vales fluviais emerxidos. Neste contexto, a Península do Morrazo sería un bloque elevado ou horst e as dúas rías dous bloques afundidos ou graben, polos que, tendo en conta o importante descenso do nivel do mar cunha regresión da liña de costa duns 30 Km., circularían os rios Oitavén-Verdugo e Lérez por típicos vales fluviais drenados e intensamente erosionados. A situación permitiría pasar de Cangas a Vigo ou de Bueu a San Xenxo sin necesidade de coller o barco, simplemente vadeando os rios.
Era Cuaternaria ou Neozoico (1,7 millóns de anos-presente) que no principio, é dicir no Pleistoceno, se caracteriza por unha época de glaciacións, pasa na segunda fase a un período interglaciar: o Holoceno, definido por unha forte subida das temperaturas que á súa vez, provoca unha subida do nivel do mar (transgresión) que inunda depresións e vales costeiros. En Galicia invade os vales costeiros dos ríos e produce a configuración actual das rias. En Pontevedra a inundación do esteiro do Lérez e o do sistema Oitavén-Verdugo, individualiza o espazo xeomorfolóxico do bloque elevado do Morrazo dándolle a forma e características que ten na actualidade.

4. A estrutura litolóxica.
Como a composición e as características estructurais do rochedo determinan a modelaxe do relevo, parece razonable que adiquemos algo de tempo á análise, polo miudo, deste aspecto físico do espazo xeográfico que estamos a describir.
A Península do Morrazo forma parte da provincia litolóxica chamada Iberia Silicea, que se extende pola parte occidental da Península Ibérica; ocupando todo o Macizo Galáico-Portugués, os Montes de León, sector occidental da C. Cantábrica, Sistema Central, Montes de Toledo, Serra Morena, Serra Nevada, nos Sistemas Béticos, e Pireneo Axial. Esta provincia coincide co "zócolo", Macizo Hespérico ou Macizo Ibérico (pode recibir estes tres nomes), e exténdese, como acabamos de ver, pola parte Occidental da Península Ibérica. Caracterízase polo predominio de rochedo paleozóico moi tectónizado e erosionado. Os materiais son moi antigos, polo mesmo, cristalinos e ríxidos, moi pouco plásticos e flexibles que, ante presións oroxénicas, non dobran senón que se fracturan e rompen; isto explica que o territorio galego sexa, en esencia, unha tupida rede de fracturas e bloques. Os terreos da Galicia Occidental, nos que se integra a Península do Morrazo, foron sucesivamente granitizados durante a oroxenia herciniana, actividade que deu lugar a un predominio dos granitos e de rochas afíns. Estes materiais antigos non foron complementados por unha abondosa coberteira de rochas sedimentarias máis recentes, por exemplo, de tempos mesozóicos ou terciarios, como ocurriu na P. Ibérica. Aquí os aportes sedimentarios circunscríbense a fondos de pequenas depresións, zonas baixas,  en formacións aluviais de val de pequenos ríos ou regatos e en zonas de abrigo e deposición en puntos concretos da costa como: o fondo da enseada de Aldán, a práia de Barra, Enseada de Rande ou o pequeno esteiro do Rego de Louriñas, en Lourizán. Nestas localizacións os niveis sedimentarios están formados por aportacións terciarias e cuaternarias a base de areas, limos e lamas. Pero, repetimos, estas coberteiras son escasas e de moi pequenas dimensións.
Volvendo á análise dos materiais líticos paleozóicos, que son os que cobren case a totalidade da extensión da Península do Morrazo, podemos comenzar facendo unha división primixenia entre dous tipos de rochas: Plutónicas e Metamórficas.
  • Rochas Plutónicas: Formanse ao enfriarse lentamente o magma a grandes profundidades. Dentro deste tipo debemos encadrar os granitos, dos que os máis salientables no Morrazo son:
    • Granito de feldespato alcalino. Está composto de cuarzo, feldespato e mica. O feldespato non debe superar o 10% do total e ten unha cor rosada que se transmite a toda a rocha. Ocupa arredor dun 65% da superficie total da península morracense e localízase principalmente na subpenínsula do Hío, agás o sector de Cabo Home, a marxe esquerda da enseada de Aldán e a fractura Aldán-Limens; Está presente tamén no sector central e sur da Serra da Madalena, Serra de Poniente, Montes de Varalonga e, finalmente, toda a parte oriental do Morrazo, tomando como límite unha liña vertical que iría dende Aguete á Xunqueira de Moaña e salvando intrusións puntuais doutros tipos de rochas, que localizaremos posteriormente.
    • Granodiorita con megacristais de feldespato. É outro tipo de granito que ten cor gris- crara debido á presencia de megacristais, que oscilan entre entre os 2-5 cm. de tamaño e que teñen cor branca. Estes megacristais son de feldespato potásico. Afloran en superficie formando berrocais de "bolos" redondeados cando a erosión diferencial elimina os materiais brandos que os cobren. As superficies destes granitos son irregulares, rugosas, debido aos megacristais que sobresaen. É o segundo material lítolóxico en importancia da comarca pola extensión que ocupa. Localízase na marxe dereita e en sectores da marxe esquerda da enseada de Aldán, nas marxes dereita e esquerda da rada de Limens, o enclave de Gandón-Menduíña, a área de Cabo Udra tomando como límites costeiros a práia de Lagoelas e Punta Penedo, en Bueu e como baliza interior o Monte de Liboreiro. O último sector é o de maior extensión e uniformidade, servindolle de delimitación dúas liñas en sentido meridiano: unha occidental dende Punta Borneira, en Cangas, a Punta Petis, en Bueu e, a oriental, dende a práia do Puntillón, en Moaña ata Aguete. Salvando, tamén neste caso, puntuais afloramentos doutros materiais.
    • Granito e granodiorita biotíticos. Tamén chamados de "dúas micas"; son rochas que presentan unha tonalidade gris-oscura como consecuencia de conter biotita, un silicato de ferro e magnesio. A súa presenza é moi fragmentada no espazo e limítase á áreas de reducida superficie que se intercalan entre os dous tipos líticos anteriores. Atópanse no sector esquerdo máis profundo da enseada de Aldán, en Darbo e Santa Marta, na Punta do Muiño e Punta de San Martiño, unha franxa alongada dende a ermida de San Roque á Madalena, un filon estreito, sinuoso e discontínuo dende Trigás, en Coiro, ao Alto da Portela e un cono que tería como base Tirán e O Real e como cúmio o Outeiro de Paralaia, en Moaña.
      Fig. 1: Reelaborado de: "Plan de Dotacións e Infraestructuras dos Montes do Morrazo" (FEADER)
  • Rochas metamórficas: Orixinadas polo metamorfismo doutra rocha primitiva, que foi transformada mineralóxica, estructural e mesmo quimicamente, cando están sometidas a altas presións e temperaturas no interior da codia terrestre. Nesta clasificación intégranse:
    • Xistos, lousas e paragneis. Os xistos teñen unha estructura laminar que fragmenta e capas ou follas delgadas. Teñen diversas cores: negro (as lousas), marrón (os xistos) e grises (os paragneises). Os paragneises están compostos polo mesmo material que os granitos, pero organizados en bandas, particularidade que lles da o aspecto de rochas raiadas por franxas de gris escuro e gris craro. No Morrazo o seu dominio estabrécese en lugares moi concretos e dispersos: sur da Costa da Vela ou Cabo Home, franxa basal leste da Serra da Madalena no Alto da Portela; en Santa Cristina de Cobres, un espazo que sigue o curso do Rego Maior e Portiño en dirección norte-sur, enclaves arredor do núcleo de Marín, o complexo de Lourizán-Almuiña-A Costa e unha intrusión en As Croas (Vilaboa).
    • Gneis de biotita. Presentan unha composición en bandas de biotita, alternando con bandas de feldespato e mica; estas bandas son de cor negra e branca, xerando unha rocha de cor gris. A súa localización circunscríbese a catro zonas da comarca: 1ª. unha zona delimitada na costa pola Práia do Santo e Punta Salgueiro e no interior por Sabarigo e Cela, a cabalo entre Marín e Bueu; 2ª. unha pequena e estreita franxa dende a Illa de San Bartomeu a Couso, en Moaña; 3ª. Unha banda que toma como base costeira Domaio e Palmás, en Moaña, e avanza estreitándose cara o norte ata chegar a Miñán, xa en Marín; 4ª. Un delgado filón que avanza cara o norte dende a Práia de Pousadas a Sobreira, en Vilaboa.
    • Gneis de ribekita. Ten a particularidade de presentar unha alta porcentaxe de ribekita, un silicato con aspecto fibroso e de cor azúl, aínda que no Morrazo presenta, máis ben, unha estructura granular. Atópase en cinco espazos moi delimitados: unha banda estreita seguindo a fractura Liméns-Aldán, que se ensancha ao chegar aos areais de Liméns e dos Picos, en Vilariño; o espazo referenciado polos vales dos regos Orxas e Fial, en Aldán; un triángulo isósceles con base en Bueu e vértice en A Portela, seguindo o curso do rego do Frade; unha V con base ancha na práia de Rodeira e que sigue os vales dos regos das Presas, Bouzós e Saiñas; finalmente, outra V con base ancha na práia de Moaña e ocupando os vales dos regos do Inferno, Puntillón e da Fraga.
    • Paragneises con plaxioclasa, biotita e micaesquistos. Presentan unha gran diversidade de aspectos, tanto polos diferentes tamaños do grán como polas distintas proporcións entre os minerais da rocha. Os afloramentos presentan estructuras planares, lineais ou masivas. O sector máis representativo atópase no concello de Marín, composto por unha banda discontínua, que toma como base na costa punta da Moa, en Mogor, e a punta Chirleu, en Aguete, desprazándose cara o interior en sentido meridiano ata O Pereiro; dende aquí estréitase e continuando o curso do Rego do Portiño e o Maior acada a Práia de Riomaior, en Santa Cristina de Cobres.
5. A paisaxe silícea




Ningún comentario: