xoves, 4 de xuño de 2009

O título deste blog

Os documentos históricos son un elemento esencial para o estudio da Historia e da Xeografía. Xa arredor de 1950 Lucien Febvre nos seus Combates pola Historia nos refería a importancia das "fontes" para avanzar na investigación: "Os arquivos (documentais) -dicía- son coma graneiros de feitos; hai que saber traballar con eles para lograr un coñecemento científico".
Por iso, debemos ter un máximo coidado na súa utilización e análise. Todos sabemos que un uso descoidado, unha análise superficial ou incompleta reducirá enormemente a súa riqueza informativa sobre o noso pasado... O título deste blog quere ser unha homenaxe aos documentos históricos e xeográficos, en toda a súa globalidade e formas, e establecer normas para o seu uso.

O termo documentum en latín significa: ensinanza, exemplo, demostración, lección, modelo, advertencia, aviso..., como vemos, palabra dunha gran riqueza de significados, e todos teñen un nexo coa aprendizaxe. O título documentalia quere referirse a todo o relacionado cos documentos como ferramentas de aprendizaxe.
A extensión Xea é unha alusión á Gea grega, deusa que representa a Terra, obxecto do estudio da Xeografía.
A segunda extensión refírese a Clío, na mitoloxía grega, musa que inspira e fai aparecer o coñecemento histórico.

Vídeo con referencias á importancia das fontes e dos restos do pasado para a elaboración da historia dunha comunidade local. Neste caso trátase do pobo zamorano de Tábara, situado na raia con Portugal. Presenta unha importante cantidade de restos históricos de case todas as épocas, riqueza que provén da súa situación fronteiriza e propia dunha zona na que se mesturan a cultura vacea e lusitana primeiro e a portuguesa e castelá-leonesa máis tarde.

3 comentarios:

xmartins dixo...

Vexo que xa introduces sen problema arquivos multimedia. Podes, se queres, aumentar ou diminuír o tamaño do video.

isabela dixo...

A escolla do vídeo é moi significativa para a documentación histórica. A naná seguro que lle encanta e engade argumentos a súa tese de zamorana-canghesa.

naná dixo...

Xa te vale, Ismael... elixir Tábara para comezar a túa navegación blogera.. Asi me gusta, que divulgues o teu saber zamorano, para non ter que ser sempre eu.
Moi interesante